Vieiros

Vieiros de meu Perfil


OUTRA VACA NO MILLO

A última gran concentración parcelaria

13:05 18/05/2010

Aló polo San Xoán do 2009, o director da sucursal de CaixaGalicia en Negueira de Muñiz, Sechu Santiso, mandoulle un correo electrónico á directora da sucursal de CaixaNova na mesma localidade, Silvia Regadío. O texto da mensaxe dicía: “Xa podían facer a concentración parcelaria nas Caixas e así nós poderiamos traballar xuntos. Quedamos ás tres onda sempre”. Sechu e Silvia mantiñan medio en secreto unha relación de querer dende había dous meses, e o tempo de estar xuntos non lle chegaba a nada.

Por mor dun virus informático, o correo saíu infectado do terminal de Sechu e chegou xa enfermo a caixa de correo de Silvia. Do virus en cuestión sábese que é activado pola cagada dunha mosca común nas conexións da tecla F12 e reproduce cada sesenta segundos exactos un correo e reenvíao a direccións de correo que atopa nos arquivos do terminal no que se atope, coa artimaña engadida de que as mensaxes reenviadas automaticamente non quedan arquivadas no cartafol correspondente. Cando ás tres e dez do mediodía se abrazaron con ansia no coche, Sechu xa enviara a mesma mensaxe a 136 direccións de correo e Silvia a outras tantas dende o seu terminal. As máquinas dos receptores procedían a reenvialo seguindo as mesmas pautas a todas aquelas direccións que tiveran almacenadas.

Así como ninguén era consciente de ter enviado nada, si o eran de recibir un correo que dicía “Xa podían facer a concentración parcelaria nas Caixas e así nós poderiamos traballar xuntos. Quedamos ás tres onda sempre”. O remitente podía ser un familiar, un amigo, un cliente, un coñecido, o cura da parroquia....Como a mensaxe non era alá moi aquelada, a xente non lle facía caso, botando contas de que se trataba dun erro ou , quen sabe, se cadra unha chanza que mais se gañaba non picando nela. O que a xente non sabía era que o virus da cagada de mosca picaba por todos eles e facíao con rigorosa determinación, alleo a calquera sinal de desalento. Tanto foi así que segundo cálculos exactos de Standar & Poors, aí por onda a Feira de Santos todas as contas de correo activas en Galicia recibiran –alomenos unha vez- o texto que Sechu lle escribira a Silvia.

Entre as contas que recibían e reenviaban a mensaxe estaban, por suposto, todas as da familia xunta.es. Presidencia, Consellarías, Superdelegacións, Delegacións, Subdelegacións...todas elas enchéronse de correos pedindo a concentración parcelaria das Caixas galegas. E como tamén se reenviaban correos entre elas, dábase o caso de que a Consellaría de Educación llo pedía á Delegación de Facenda de Lugo, ou Presidencia llo pedía á Consellaría de Infraestructuras no Medio Ambiente (“Que raro –exclamou o conselleiro Agustín– veño de estar con Alberto e nin chío me dixo desto”), e sesenta segundos despois era esta mesma Consellaría que lle pedía o mesmo a Presidencia (“Que raro –engruñaba o cello o Presidente-, veño de estar con Agustín e nin chío me dixo desto”). Un clamor popular reclamaba a fusión das Caixas e a Xunta dixo: ¡Pois fágase, logo!

E fíxose, e dixo o Presidente: “A cidadanía é a protagonista, a impulsora e a beneficiaria dun acordo que demostra que o noso pobo é quen de unirse nos momentos fundamentais”. ¡Canta verdade xunta e apertada! Porque a cidadanía foi a protagonista, aínda que por cuestións lóxicas de espacio os que saíron nas fotos só foran O Presidente, Gayoso, Méndez, Mauro, Pego e maila Martiña. Porque a cidadanía foi a impulsora, xa que cidadáns eran os propietarios das contas de correo electrónico. Porque, en fin, a cidadanía é a beneficiaria, xa que agora Sechu e Silvia han poder vivir a súa paixón tamén nas horas de traballo e, ben se sabe, o que traballa contento rende mais. Por eso, que a gustiño che queda o corpo cando comprobas que as palabras responden á realidade pura e dura. Coma a de Silvia e Sechu.

4,85/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Luís Sucasas

José Luís Sucasas

Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.



Máis opinións