Dende o intre mesmo en que a crise de finais do 2007 se converteu na Gran Desfeita do século, foron agromando aquí e acolá as voces da ortodoxia neoclásica-keynesiana ladrando contra o demo do libre mercado, a quen culpaban de tódolos males que nos viñan enriba. Levaban décadas ó agache, agardando que rebentara todo para poder sacar a cabeza dos tocos académicos e ministeriais, e berrar aquelo da miña e tódalas nais “¡Estívoche ben! ¿Viches? ¿Non cho dicía eu?” A min as súas contas non me cadraban, porque botarlle as culpas de todo ó libre mercado cando en tódalas economías occidentais o peso do gasto público anda preto do 50% do PIB parecíame unha comenencia de xente con pouca catadura moral ou intelectual. Ou ámbalas dúas á vez.
Diante miña tiña as consecuencias: Un regueiro incesante de quebras empresariais e milleiros de traballadores viaxando cara a ningures. Alén da diminución da cifra de negocio e beneficio, o estrangulamento financeiro aparecía como factor decisivo en case todos os peches patronais. De socate, os bancos xa só tiñan cartos para quen non llos pedía; o resto deles precisábanos para recompoñer os balances de seu, enfermos de productos derivados e activos sobrevalorados. ¿E logo como un sector tradicionalmente tan serio e cabal chegou a tales estremos? Pois seica que por mor dunha competitividade exacerbada, que os fixo caer nas redes da especulación mais frenética e arriscada que se teña visto; e por fallos na regulación do sector, que propiciaron o nacemento de chigres financeiros fóra de calquera tipo de control. Toleounos o aire viciado do libre mercado. Ou eso foi o que nos contaron os gurús do keynesianismo redivivo. E morra o conto.
Claro que, se un sigue remontando o río da historia, resulta que no ano 1999, en plena crise das punto.com, o señor Bush gañou a Presidencia dos USA e como lle interesaba unha recuperación a lume de carozo, optou por unha política de carto barato que mantivo durante os seus dous mandatos –a tanto foi a cousa que, no ano 2007, a base monetaria dos USA dobrara xa a cifra de 1994-. Nese ano 1999, cunha taxa de aforro do 2% e un investimento do 15%, a lóxica económica suxería un alza nos tipos de xuro norteamericanos, para estimular o aforro interno, moderar o crecemento da burbulla inmobiliaria e frear a especulación nos mercados financeiros. Porén, trunfou a lóxica política, que cobizaba manter a economía boiante para enfrontar con garantía os seguintes procesos electorais. E aquel maná crediticio deu no que todos sabemos, do que é mal.
O republicano Bush accedeu ó poder grazas á crise do 99, e perdeuno pola de 2007, que el mesmo alimentou, a cal propiciou o trunfo do demócrata Obama, que comezou xa a poñer os cimentos da seguinte. A Política vai por un lado e a Economía por outro. Entremedias nós, temperando da vida.
Naceu no ano 1959 en Cadrón, parroquia de tres lugares que son fronteira entre Lalín e Agolada. Na actualidade traballa de administrativo de obra no sector da construcción.