Militantes de Nos-Up tinguiron outra vez de rosa a "cruz dos caídos" de Ferrol e retiraron o busto de Calvo Sotelo do Concello de Tui e varias placas de lembranza no de Ames.
O día 20 de novembro algunhas vilas galegas amenceron coas cousas algo mudadas e noutras as cousas foron mudando ao longo da mañá. Foi o caso de Tui, onde varios militantes de NÓS-Unidade Popular retiraron de mañá, o busto de Calvo Sotelo da Casa do Concello, onde continuaba presente, 71 anos despois do levantamento militar e 32 anos despois da morte do ditador fascista. A seguir, levaron a cabeza do "protomártir do movemento nacional" á fundición, e desfixérona, "erradicando", segundo contan nun seu comunicado, por medio da "acción directa" os "vestixios de 40 anos de terror".
"A acción directa introduce hixiene, xustiza e dignidade democrática" no país
Varios militantes de NÓS-UP tamén actuaron de madrugada en Ames, onde retiraron dúas placas, (de metro e medio e de mármore) de lembranza "aos caídos" do bando franquista (22 deles da vila de Ames, encabezados polo nome do fundador da Falange, José Antonio Primo de Rivera), así como unha coroa de loureiro que as acompañaba, situadas nun monolito no campo da igrexa da Parroquia de Santo Tomé.
A organización independentista xa lle tiña solicitado ao goberno municipal de Ames a súa retirada, e ao non teren resposta, quitaron eles mesmos as placas, nunha acción, segundo contan "realizada no trixésimo segundo aniversario da morte do xenocida Franco como un modesto contributo da esquerda independentista galega para homenaxear e lembrar a toda a veciñanza de Ames asasinada polo fascismo español".
Eliminando a "simboloxía do terror"
Outro ano máis tamén chegou a quenda de Ferrol, cidade natal do ditador e unha das galegas que até hai nada aínda mantiña unha chea de símbolos franquistas nas súas rúas.
En Ferrol, un ano máis, a "cruz dos caídos" da Praza de Amboaxe amenceu tinguida de rosa, a "cor do antifascismo", segundo contan dende NÓS-UP. Esta non é a primeira vez que isto acontece, (naquela altura foi limpada polo goberno municipal). O ano pasado tamén retiraron o escudo franquista situado na base da cruz, após a negativa da anterior corporación municipal (PPdeG e Independentes por Ferrol) de o facer.
Ademais de achegar este vídeo das accións, a organización puxo na súa web unha relación da iconografía fascista que aínda persiste na comarca de Trasancos, entre os que figuran varias "cruces dos caídos" e placas de lembranza, así como a famosa estatua ecuestre de Franco, que aínda se garda no arsenal militar de Ferrol.