Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LEI DA MEMORIA HISTÓRICA

A simboloxía franquista pervive en centos de rúas, edificios públicos e igrexas de Galiza

Concellos coma Ferrol retirárona por "vontade política" e outros coma A Coruña esperarán á entrada en vigor da lei

Europa Press - 14:20 12/10/2007

Centos de rúas, edificios institucionais e igrexas de Galiza conservan simboloxía franquista que, no caso das Administracións públicas, terá que ser suprimida cando entre en vigor a Lei de Memoria Histórica, que tamén imporá a retirada de subvencións aos organismos que manteñan este tipo de símbolos.

Aínda que non existe ningún inventario oficial que cuantifique o total destes vestixios, varias asociacións pola recuperación da memoria e agrupacións políticas elaboraron os seus propios censos, que recoñecen "incompletos ante a inxente cantidade" de restos franquistas.

O máis amplo deles, realizado pola formación independentista Nós-Unidade Popular dende 1995 at'e 2006 e consultado por Europa Press, conta máis de 200 referencias ao franquismo en lugares públicos, xa sexa en forma de nomes de rúas, estatuas, escudos ou inscricións en fachadas de edificios e templos.

Deste xeito, A Coruña é a cidade na que queda maior cantidade de símbolos relacionados coa ditadura, como unha vidreira da sede do concello cun escudo franquista ou un baixorrelevo en madeira no salón de plenos que representa o ditador vitorioso.

Capital da simboloxía franquista
De feito, o ex concelleiro do BNG Manuel Monge, agora na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, definiu á cidade herculina como "a capital da simboloxía franquista de toda España". "Hai pezas únicas, como varias placas,", apuntou ironicamente, tras o que cualificou de "vergoñento que a estas alturas aínda non se suprimiran" nomes de rúas como 'División Azul' ou non se lle retirara o título de fillo adoptivo a Francisco Franco.

Neste senso, lembroulle a Europa Press que durante a anterior lexislatura, cando foi edil, presentou ata 26 iniciativas ao respecto "pero sempre foron rexeitadas polo PSdeG e PP", lamentou. "Argumentaban que era simboloxía histórica" e recordou que xa existe unha lei de 1981 que impoñía a retirada dos escudos franquistas dos edificios públicos e das rúas.

Agora, o goberno municipal, no que participa o Bloque, garante o cumprimento da Lei de Memoria "naqueles casos en que a retirada ou cambio dependa da Casa do Concello, salvo que, como marca a lei, haxa razóns artísticas, arquitectónicas ou de interese xeral que o fagan imposíbel".

Vontade política

En cambio, noutra das cidades máis marcadas pola iconografía do réxime, Ferrol, os sucesivos gobernos progresistas dende a transición foron suprimindo parte da simboloxía, proceso que retomou agora a coalición PSOE-IU.

De feito, a tenente de alcalde, Iolanda Díaz, indicou que "o primeiro que se decidiu" ao chegar ao poder, hai catro meses, foi a supresión dos dous principais restos da simboloxía franquista que quedaban en lugares de titularidade municipal: dúas vidreiras na sede da casa do concello e na biblioteca.

En declaracións a Europa Press, a tamén voceira de Esquerda Unida argumentou que se trata dunha cuestión de "vontade política", aínda que valorou a promulgación da lei. "Hai que garantir a legalidade constitucional e impulsar a reconstrución da memoria, porque a memoria dos vencidos está sen escribir," resaltou.

Nesta mesma liña traballa o bipartito de socialistas e nacionalistas en Ourense, que xa procedeu á modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para posibilitar legalmente a retirada do escudo franquista da subdelegación do goberno español nesta cidade.

Nas igrexas
Ademais, fontes do Foro pola Memoria de Galiza e do Partido Comunista explicaron que nas igrexas sobreviven "multitude" de alusións ao réxime de Franco, como escudos falanxistas co xugo e as frechas ou homenaxes ás vítimas do 'bando nacional' baixo a inscrición 'Aos caídos por Deus e a Patria'. É o caso da concatedral de Vigo, situada no centro da cidade, pero tamén de moitos templos de parroquias pequenas, "nas que mesmo se atoparon esvásticas nazis".

Unha vez entre en vigor a lei, as Administracións poderán retirar ou negar subvencións a aquelas institucións que manteñan esta iconografía, polo que a Igrexa católica podería perder parte dos seus ingresos, se non accede á supresión dos símbolos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: