Baixa participación no referendo para ratificar o Tratado de Lisboa.
Os irlandeses deciden esta semana o futuro do Tratado de Lisboa (ou Euroconstitución) e, segundo fontes oficiais, a votación foi ‘lenta’ en grande parte do país, cunha participación arredor do 20% -aínda que se esperaba unha subida nas últimas horas da xornada.
As mesas electorais abrían ás 7 da mañá e permaneceron abertas até as 10 da noite do xoves.
Pola súa parte, 745 habitantes das illas do condado de Donegal (no noroeste do pais) eran os primeiros en votar xa o luns, con varios días de adianto con respecto ao resto da república – por motivos de acceso xeográfico e a posibilidade de condicións meteorolóxicas adversas. O 37% do electorado das illas de Donegal acudiu a votar. Tradicionalmente, a participación do electorado irlandés nas zonas do oeste e nas zonas mais rurais é moito mais baixa que nas zonas urbanas e da costa leste en xeral.
Os electores nas illas dos condados de Galway, Cork e Mayo votaban o mércores, cun día de adianto. 1.169 persoas están rexistradas no censo electoral nas illas de Arán (Inis Mór, Inis Meáin e Inis Oírr) e Inishboffin, no condado de Galway; 197 electores repártense entre as illas de Inishturk, Inishbiggle e Clare Island, no condado de Mayo; mentres que as sete illas na costa de Cork contan con 454 electores.
O reconto total dos votos comezou oficialmente este venres ás 9 da mañá e os resultados finais serán anunciados durante o serán.