Chega a quenda para os cidadáns, nunha votación á que Irlanda chega co "non" ao tratado medrando forte na sociedade as últimas semanas.
Hai poucos días que o "non" chimpou por vez primeira nas enquisas por riba de "si" na carreira cara a votación deste xoves en Irlanda. Unha viraxe significativa en poucos meses, xa que cando se convocou o referendo o prognóstico era dunha ampla vitoria dos partidarios do "si". O Tratado de Lisboa co que os líderes europeos acordaron substituír o fracaso proxecto de Constitución Europea, que botaran abaixo en 2005 os cidadáns franceses e neerlandeses en cadanseu referendo, afronta así un momento decisivo.
En principio, só Irlanda convida os seus cidadáns a pronunciárense nas urnas sobre o tratado, malia que se mantén aínda a incerteza sobre o que poida acontecer no Reino Unido, onde a posibilidade da convocatoria chegou xa á area xudicial. O temor do actual executivo irlandés, que sae dunha crise resolta coa dimisión do anterior primeiro ministro Bertie Ahern, acelerou a campaña do goberno irlandés, á que se uniu a voz da oposición en favor do "si". Por outra parte, os argumentos dos críticos van desde os que consideran que pon en perigo os dereitos democráticos e a neutralidade militar do país, até os que afirman que esixirá cambios da política de baixas taxas a empresas que introduciu Irlanda os últimos anos.
Análise de María Golpe en Vieiros Irlanda: Só un 5% dos irlandeses di entender ben o tratado.