Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presupostos da Vicepresidencia para 2008

Os coidadores de persoas dependentes cobrarán 500 euros ao mes

A medida anunciada por Anxo Quintana prevé a inclusión destes -uns dez mil- na Seguridade Social. O departamento investirá este ano case 90 millóns de euros, un 21,6% máis ca en 2006.

Redacción - 17:38 23/10/2007

Máis de 10.000 coidadores de persoas dependentes que residen en Galiza comezarán a cobrar a partir de 2008 ao redor de 500 euros ao mes e serán dados de alta na Seguridade Social.

Ademais, non se lles aplicará ningunha retención xa que a Xunta é quen corre cos gastos, coa axuda do Estado.
 
O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, presentou os presupostos para 2008 do departamento que dirixe, este martes en conferencia de prensa.

O nacionalista afirmou que esta medida cumpre co dobre obxectivo de paliar unha situación de "inxustiza social" ao tempo que "beneficia ao conxunto da sociedade porque crea postos de traballo".

A posta en práctica desta norma, que converte Galiza en pioneira do Estado na aplicación da Lei da Dependencia, absorberá máis de 160 millóns de euros dos 493 asignados á Vicepresidencia.

Outros investimentos
Este é o departamento que máis medra con respecto a 2007, en termos porcentuais (21,6%), e o terceiro, tras as consellerías de Sanidade e Educación, cuantitativamente (87,6 millóns).

Os orzamentos de Vicepresidencia tamén recollen outras partidas, como os 12,1 millóns de euros máis dedicados aos programas de axudas no fogar, ou os 16 millóns para a creación de máis prazas en residencias, centros de día e de atención do Alzheimer.

Quintana aproveitou para agradecer a "valentía" do ex presidente catalán Pasqual Maragall por recoñecer publicamente que padece esta enfermidade.

Aumento das rendas máis baixas

Haberá tamén unha partida para aumentar as rendas mínimas, tal e como anunciara o vicepresidente durante o Debate sobre o Estado da Autonomía: até cinco millóns de euros para complementar as 55.000 pensións non contributivas; 21,5 millóns para ampliar as Rendas de Integración Social (Risga); e 2,4 millóns para as Axudas á Emerxencia Social.

Respecto ás políticas de igualdade e en contra da violencia de xénero, o chamado 'salario da liberdade', contará con 1,6 millóns de euros, ampliábeis segundo o número de solicitudes.

Por último, a Vicepresidencia da Xunta investirá 17 millóns de euros na rede de galescolas.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: