Edición xestionada por Nova Escola Galega

Nº8 Decembro 2009
Contacto

O apalpador

Todas as culturas teñen un home sabio pola idade que lles axuda aos nenos a pasar o inverno. A cultura galega ten o Apalpador, que durante os anos de esquecemento sobreviviu nos montes do Courel e o Cebreiro e agora volve facernos compaña

 

Moito antes de que a sociedade de consumo importase dos países nórdicos a Papá Noel, en Galiza xa habitaba a figura mítica do Apalpador.

O Apalpador é un home de barba rubia, un vello xigante, que vive nas devesas das altas montañas facendo carbón para escorrentar o frío do inverno.

Na noite do 24 de decembro baixa ata as aldeas, métese polas chemineas nas casas e achégase aos nenos e ás nenas que dormen ao remol das mantas e apálpalles as barrigas para ver se os cativos están ben alimentados. Dálles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame.

O Apalpador é moi lambeteiro e se os nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando todas as casas de todos os nenos galegos, el entrégalles os agasallos de madeira, tea e cartón que fixo coas súas mans no tempo de lecer do resto do ano. Ao Apalpador gústanlle máis os xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuosos co medio ambiente, que aqueles de plástico, automáticos e con pilas que gastan moita enerxía e empobrecen os nenos e nenas doutas partes do planeta.

 

A tradición, recollida por José André Lôpez Gonçález nas comarcas do Courel e do Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como Olentzero o Pai Inverno ou o propio Papá Noel.

Hai quen cre que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

A asociación cultural “A Gentalha do Pichel” puxo todo o seu empeño en promover esta figura do Nadal galego e xa saíu de pasarrúas en Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Compostela.


 

... que o Apalpador ten o seu vídeo en Youtube paseando polas rúas de Santiago, grazas ao esforzo da Gentalha do Pichel.

...O Apalpador vai con pucha e fuma en pipa, leva unha chaqueta esfarrapada e remendada e aliméntase de bagas e xabarís, segundo as descricións populares, que hoxe en día están sendo revisadas

...é o protagonista de cantigas populares  que se lles cantaban aos nenos para que durmisen na noite do 24 de decembro e non molestasen ao Apalpador no seu traballo.

.. Que tamén hai máis cantigas de autores novos sobre o Apalpador, algunhas delas podes atopalas aquí.

… Que comparte protagonismo con Antón, nun conto ilustrado

 

-O primeiro estudo que se ten publicado sobre este personaxe é do investigador José André Lôpez Gonçâlez, quen o publicou no Portal Galego da Lingua (AGAL-GZ) antes do Nadal do 2006. Aquí poderás descargar o artigo e aprender máis sobre o Apalpador. 

-O Apalpador, aínda que vello, quere chegar a todo o mundo e utiliza as novas tecnoloxías e xa ten a súa propia páxina web, onde poderás saber máis da súa vida, dos seus amigos e facerte membro do club dos “apañacastañas”.

QUEN SON OS AUTORES DESTE TRABALLO

Emilio González Legaspi, orientador no IES Marqués de Sargadelos en Cervo (Lugo). Autor da obra de teatro infantil “Festa no Xardín” e colaborador con artigos en diarios, revistas e blogs. Con especial agradecemento a Bernardino Cerviño, auténtica reencarnación do Apalpador, e a quen lle debo a súa presentación