Vieiros

Vieiros de meu Perfil


ADEGA e a FEG presentan unha nova proposta para o exame do cazador

Compostela, 19 de xuño de 2007. O pasado 11 de xuño publicábase no DOG unha orde da Consellería de Medio Ambiente pola que se criaba o Exame do Cazador. ADEGA e a FEG (Federación Ecoloxista Galega) manifestan a súa sorpresa por este feito, xa que este documento estaba pendente de debate cos grupos ecoloxistas e na nota de prensa da Consellería afírmábase que o texto estaba consensuado con ambientalistas e cazadores, o que non é certo.

Enviada por ADEGA ADEGA o 20/06/2007 00:56

ADEGA e a FEG queren manifestar que o documento aprobado non está consensuado con ningún grupo ecoloxista galego e ven a necesidade de comezar un debate serio sobre o tema que inclúa garantías en certos aspectos que non aparecen na orde do 11 de xuño, recollendo experiencias levadas a cabo noutras comunidades do estado que destacan polo seu rigor e concreción. Por este motivo presentamos de seguido unha proposta inicial que fai fincapé en certos aspectos do debate que é necesario valorar. PROPOSTA DE ADEGA E A FEG SOBRE O EXAME DO CAZADOR: A NECESIDADE DO EXAME Dende diversos sectores da sociedade, principalmente ecoloxistas e dos propios cazadores, vense demandando unha proba para regulamentar esta actividade, que actualmente se desenvolve dun xeito desordenado e causa non poucos perxuizos ambientais. A excesiva presión cinexética e o perfeccionamento das armas, aparte doutros multiples factores (presión urbanística, lumes forestais, uso de pesticidas, etc), poñen en risco a sustentabilidade desta actividade. Precísase dunha reducción do número de cazadores e dunha preparación destes para acadar un equilibrio que non poña en risco a supervivencia das especies en estado silvestre. A escasa preparación dalgúns cazadores, que descoñecen a normativa cinexética e de conservación, con dificultades para a identificación das especies, que son inexpertos no coidado e conservación das armas que empregan ou non amosan un compromiso ético coa protección da natureza que debería posuir todo cazador, traen como consecuencia erros na identificación de especies, incumprimento da normativa e incluso accidentes. É obvia a necesidade duns coñecementos sobre a actividade cinexética e a conservación da natureza através dunha proba que mellore a perparación dos cazadores e remate coa lacra dos "escopeteiros" e outra xente que sae ao monte a matar por matar sen ter en conta as consecuencias. CARACTERÍSTICAS DO EXAME Diversas CCAA do estado español teñen implantado o exame do cazador dende fai tempo. Asimesmo a recomendación R17 do Comité de Ministros da Unión Europea de 23 de Setembro de 1985, dirixida aos estados membros avoga pola creación dunha proba teórica e práctica e incluso sinala os contidos mínimos desta (identificación de especies, normas de conservación, manexo de armas, seguridade…). No estado español a Lei 4/1989, de 27 de marzo, de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e Fauna Silvestres, establece por primeira vez a obligatoriedade de acreditar, mediante o correspondente exame, a aptitude e coñecementos precisos para o exercicio da caza. Aínda que tarde é con moitas deficiencias, a orde de 1 de xuño da Consellería de M.A. pretende dar desposta a esta demanda. DESTINATARIOS DO EXAME A lei aludida (47/89) no seu artigo 35 fala da obrigatoriedade do exame do cazador para o exercicio da actividade cinexética. Non se refire só aos futuros cazadores. O requisito da aptitude debe ser superado pola totalidade das personas que desexen practicar a caza, independentemente de contar ou non con licencia previa, da nacionalidade ou do lugar de nacemento. Omitir este aspecto pode levar a pensar que os coñecementos se adquiren coa práctica e polo tanto non sería preciso o exame. “Para el ejercicio de la caza y la pesca será requisito necesario la acreditación mediante el correspondiente exámen de aptitud y conocimiento preciso de las actividades relacionadas con dichas actividades” (Lei 4/89) ÁMBITO DO EXAME Cada comunidade ten unhas características cinexéticas propias. As licenzas de caza expedidas por outra comunidade autonoma ou por un país extranxeiro non deben ser convalidadas automáticamente. Pode convalidarse unha proba común cun temario xenérico (seguridade, manexo de armas, identificación de especies, normativa internacional e estatal, ética do cazador…), pero debería esixirse tamén unha proba específica por autonomía. DEFICIENCIAS NA ORDE 1 DE XUÑO 2007 QUE REGULAMENTA O EXAME DO CAZADOR. - Non se regulamenta a formación previa ao exame mediante un curso de formación, con control da administración autonómica, no que se impartan as materias do exame. É preciso publicar un temario detallado da materia da proba teórica e da proba práctica (ver recomendación C.E. de 23 de sept. de 1985). - Modificar o art.1º: Para poder presentarse ao exame do cazador será preciso ter cumpridos os 18 anos (non os 16) - Esixir unha proba específica centrada na normativa autonómica e as características das especies autóctonas para convalidar licenzas expedidas noutras CCAA ou en paises extranxeiros. En Compostela 15 de Xuño 2007 Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)Federación Ecoloxista Galega (FEG)


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: