Era o catro de abril do 2009 cando eu publicara este artigo en xornal.com. Vendo o pouco, ou nada, que melloraron as cousas, e antes de compartir cos compañeiros viaxeiros internautas a miña próxima leria (continuación desta), achego este controvertido artigo (porque cando se trata de lle tocar nos soldos á xente, xa sabemos que a controversia está servida). E, completamente divorciado da acritude, contábao eu así:
O outro día lía no New York Times que os mestres e profesores de Montgomery County, Maryland, rexeitaban a suba do 5% que tiñan garantida por lei contractual. Velaí a súa pequena contribución ao ben común, a grande, a verdadeira, é ter xente desas conviccións cívicas nas aulas escolares. Rexeitan a súa suba uns Servidores Civís cuxo soldo medio é $67.000, o que, para Montgomery County, Maryland, é unha cantidade modesta. Esta manifestación de civismo, servizo civil e solidariedade coincide coa depredación dos enxertos en raposo de A.I.G. que decidiron no medio duns nefastos resultados empresariais -os peores, sen precedentes- repartirse en primas 168 millóns de dólares. Cartos que nin eran dos fondos da empresa. Fago referencia a estes dous casos para contrastar as diferenzas dos valores e principios que guían ás persoas que senten e valoran a cultura do Servizo Civil cos deses híbridos enxertos malogrados que están sempre ao axexo de atopar novos buracos na normativa legal por onde se filtrar para seguir depredando. Tódalas sociedades teñen oportunistas malvados, a feixes; iso está claro. O quen non está tan claro é se tódolos países teñen suficiente xente coa entrega ao Servizo Civil comparable á dos mestres e profesores do sistema escolar de Montgomery County. Velaí a diferenza. Velaí o factor determinante de que países han saír desta crise máis cedo, máis tarde, ou aínda tamén dos quen nela han quedar esborrallados, atrapados nun continuo de nepotismo endogámico parasitario.
Mais indo ao noso: o terrible estado da economía española, axiomático, alomenos no que atinxe ao paro. Esquezámonos de institucións tales como The Financial Times, The New York Times, ou aínda tamén do The Wall Street Journal, deamos por feito que non son tres manifestación dun único deus verdadeiro nin Paul Krugman -co seu premio Nobel de Economía ao lombo - o seu profeta. Aceptado. Pero, e sen levar ao Olimpos ás susoditas institucións, cuxo ronsel e prestixio, malia os erros e equivocacións que se lle poidan apuntar, é indiscutible, e sen beatificar a Paul Krugman, cuxa sabenza xa non será moita, mais foi quen de predicir a catástrofe na que se atopa o mundo, non é un despropósito (se é que aínda todos vivimos no mesmo plano da razón) suxerir que algunha desas voces poidan ter algo que aportar, e reclamar de nós mesmos a sensibilidade e humildade de escoitar. Todos eses xornais, de filosofías dispares, e un deles pola propia e afiada pluma do celebre economista, auguran tempos moi difíciles para España: o mundo sofre, e moito, mais España esborrallase. Ese é o consenso. Hai indicios de que esa é tamén a realidade. Oxalá se equivoquen... aínda que sexa só unha vez máis.
Agora que os anos da soberbia hispánica, con tódalas petulancias máis afíns a ignorancia e tódalas impertinencias propias do novo rico, dan paso ao pánico, inducido polo que todos vemos vir: probablemente un 20% de paro -esperemos que a cousa quede aí, pode ir a máis. É verdadeiramente arrepiante reflexionar sobre iso: un 20% da cidadanía ao paro. E os dous grandes partidos de ámbito estatal, no medio de tódolos desencontros, crispacións e cacerías, insultos e ameazas, talantes e toleiras, coinciden nos asuntos máis mundanos: o bandullo. Sempre o bandullo. Os dos afirmaron que de xearlle o soldo aos Funcionarios, nin pensalo. E iso mentres os contribuíntes, que pagan os soldos do Servizo Público, ou sexa, dos Servidores Públicos (que xa vai sendo hora de que lle chamemos polo seu nome, así, Servidores Públicos ou Servidores Civís) ven os seus ingresos minguar, os seus traballos desaparecer; os seus Servidores Civís engordar. Xa non só han evadir unha reducción salarial que axudara a evitar o esmagamento de quen lle paga os soldos; xa non só ha evadir unha conxelación dos soldos (o mínimo que se pide nunha sociedade solidaria e civilizada en épocas de crise), han ter suba. Si, no medio desta catástrofe, suba. Que vos parece? Díxoo o goberno e concorda a oposición. Velaí a palabra solidariedade asumindo novos e desafortunados significados: ínfulas, soberbia, condescendencia... Velaí vestixios da cultura feudal infiltrados no Estado de Dereito. Velaí a democracia rebaixada, amarrada polas oligarquías partitistas que a subordinan aos reclamos do bandullo.
Haberá algo máis sensato ca xear os soldos do Servizo Público (reitero, pagados polos contribuíntes, que non lle deben nada a ninguén) e destinar esas aforras a aliviar a dor e angustia dos parados? E aínda non é ningún despropósito, en caso de deflación, baixar os soldos en forma proporcional ao efecto deflacionario, garantindo así o poder adquisitivo dos empregados, aumentando a competitividade do país para que poida rescatar aos parados, e, ao tempo, ceibando algúns cartos para axudar aos desempregados neste período de desesperación. Cartos que -non quede dúbida - irían ao consumo e axudarían a combater a deflación.
Toca reflexionar, é nos tempos de tribulación cando os pobos amosan a súa verdadeira natureza. Son tempos de definición. Os alicerces dunha sociedade non poden ser a avaricia, a soberbia e a mesquindade da condescendencia, e todos sabemos como remata a fábula da galiña dos ovos de ouro. Agardo que aprobemos a gran proba e floreza en nós a grandeza que nos afirme para Nós e para os tempos como un pobo que ten algo que contribuír a esto que chamamos civilización.
Estou plenamente seguro que os contribuíntes (os únicos donos das arcas públicas) prefiren que o diferencial dos soldos coa deflación sexa destinado a mellorar a competitividade do país e a axudar aos desempregados. E quede claro, toda acción contraria ao sentir dos contribuíntes, por moito consenso hipócrita que haxa nos vertedoiros da política pasaxeira, non deixa de ser ilexítima e fraudulenta, e neste caso, aínda tamén completamente contraria ao ben común; quizais, mesmo, suicida.
Xoán G. Vázquez, Nova Jersey, USA http://xoangvazquez.blogspot.com/