Bon appétit e Auga que non vas beber... son as últimas publicacións da editorial galega Baía Edicións
Baía Edicións publica Auga que non vas beber..., obra gañadora do VII PREMIO BARRIGA VERDE de textos para teatro de monicreques (2009, modalidade adultos). Este libro destaca pola axilidade e a ironía dun texto dramático que entronca co "teatro de Cachaporra" na tradición de Barriga Verde, Blanco Amor e Dieste. O seu autor constrúe un musical satírico para monicreques que, inspirado na tradición oral anticlerical ibérica, conta os amoríos do Padre Damián, párroco de Agolada, cunha moi coñecida Carolina. Autor: Inacio Vilariño e ilustrador da capa: Calros Silvar.
Outro dos títulos que acaba de editar Baía Edicións para a mesma colección é Bon appétit, obra gañadora do VII PREMIO BARRIGA VERDE de textos para teatro de monicreques (2009, modalidade infantil). Esta obra é unha peza de estrutura clásica que ofrece un canto á gastronomía, en que están "moi ben aderezados" os ingredientes dramáticos e culinarios, ademais de adaptarse perfectamente ao teatro de monicreques. Autora: Begoña García Ferreira e ilustrador: Fran Pedreira.