Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ourense, nas sombras de Baby Doc

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Ourense, nas sombras de Baby Doc

Ourense, nas sombras de Baby Doc

Coa manifestación en prol do galego - á que me sumo de verbo ad verbum - pasou algo  desapercibido o anuncio (case) oficial da sucesión ao trono do último principado galaico: Baltarland. No é que fora sorpresa, que non o foi, sabiamos, de sobra, que "todo queda  atado y bien atado".   Tal for o caso que nas derradeiras horas xurdira algún cordel aínda desamarrado, repetiría Papa Doc e problema solucionado. Eu son dos que cre que non queda nada por atar.

Enviada por cissjgv cissjgv o 28/10/2009 03:37

O asunto é que Baltar Blanco "aspira a liderar o PP ourensán". Anunciouno observando meticulosamente as formas máis correctas e comedido nas palabras: "aspira". As linguas, como fenómenos vivos que son, reclaman o dereito a adquirir novas voces,  e aínda novos usos para as vellas palabras; de aquí en diante a forma verbal "aspira" sutilmente ha abranguer usos e oficios que ninguén lle contaba. Non obstante, se "aspira" aspira ou non a engrosar a lista das palabras homógrafas é mellor deixalo para outro día. E indo ao conto, eu estou segurísimo que na superficie o proceso ha ser eminentemente democrático, pulcro cos reclamos da normativa legal, e tolerante coas catro gorxas que acheguen algunhas reminiscencias dalgo que poida semellar un disentir. Non ha quedar unha voz  por escoitar nin un voto por contar. Que a ninguén se lle ocorra pensar que isto é Corea do Norte,  onde a cadeira de Déspota Supremo da República pasa de pai a fillo sen tan sequera darlle á cidadanía o respecto dun simulacro. Kim Jong-il, que herdou a cadeira de súe pai,  xa elixiu entre a súa proxenie o seu sucesor como Déspota Supremo da República. En Ourense han ter eleccións, democráticas, limpas, transparentes, para xa despois elixir claramente ao fillo de Baltar.   Faltaría máis. O  proxecto do sucesor ha ser "sobre todo, galeguista".  Mais iso, claro, se papi dicide non volver presentarse, pois de presentarse, a servil pepeada de Ourense indubidablemente ha erguer a man en unísono para aclamalo, como é devido.

Si, xa..., aquilo da presunción de inocencia. Indiscutible. A presunción de inocencia é algo sagrado, incluso no que atinxa a Baltarland. Ha ser difícil atopar na normativa legal algo máis meritorio dunha defensa total absoluta e inequívoca. Non obstante, dende unha observación que intenta ser obxectiva - que Deus me axude -, a dereita parece que aínda arrastra algunhas das mañas inculcadas nos anos da gran desfeita, abonde con observar como se está labrando esta sucesión. O nepotismo caciquil, experimentado nas décadas do tempo e xa sabio e maduro, sabe moverse dentro da normativa legal con absoluta impunidade, e sendo -como é - alleo a ética e a boa conducta -que xa non as boas formas-,  seguen sen ter impedimentos que freen os seus instintos depredadores. Velaí o problema de Ourense e de gran parte do noso rural. Non hai Garzón que o remedie; a endogamia é outra cousa. É por iso que en Galicia hai pouca ou ningunha esperanza de normalidade democrática namentres  agardemos por accións xudiciais que a faciliten; aquí a única esperanza é o espertar do electorado. E aí, ¡vállame Deus!

Andan con máis fortuna por aí por esoutros lugares onde os corruptos aínda non adquiriron os refines galicianos, facilitando así as intervencións xudiciais, e con elas, culpables ou inocentes, xa non é o máis importante. O importante e que hai quen vixía, e mentres haxa quen vixíe non lle han dar á corrupción a oportunidade de madurar aos niveis endogámicos que tanta dor  e pobreza nos trouxo e segue traendo a tantos anacos do noso país.  Sinto envexa dos valencianos,  madrileños, mallorquinos, e non sei que outros, que a sorte a deles. Onde a corrupción é simplemente iso, corrupción, os corruptos son identificados e sometidos ao imperio da lei, regresando partidos, institucións, e a sociedade no seu conxunto, á normalidade democrática.  

Con todo, e aínda que semelle o contrario, non é este un ataque ao PP, nin creo que o PP sexa nin máis nin menos proclive á corrupción ca calquera outro partido. Estou seguro que nos casos illados de corrupción - e creo que son illados - a xustiza ha prevalecer. O que si me preocupa, profundamente, é esoutra corrupción que aínda segue depredando, completamente amparada pola lei: a endogamia, o nepotismo, e sobre todo esa maldición que abrangue todo o máis vil, déspota, mesquiño e desprezable que poida fecundar no corazón humano: o caciquismo.  

Xoán Vázquez, Nova Jersey, USA  xoangvazquez@yahoo.com


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: