Vieiros

Vieiros de meu Perfil


UNHA POLÍTICA ECONÓMICA DIGNA DE MR. BEEN

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de UNHA POLÍTICA ECONÓMICA DIGNA DE MR. BEEN

UNHA POLÍTICA ECONÓMICA DIGNA DE MR. BEEN

Unha análise das derradeiras decisións económicas do Goberno.

Enviada por ManuelGAnton ManuelGAnton o 28/09/2009 10:05

O goberno do PSOE, co Sr. Zapatero á fronte, decidiu hai un par de anos eliminar o imposto sobre o patrimonio alegando a súa escasa recadación que, sen considerar o elevado nivel de fraude detectado, acadaba naquel intre a cantidade de 1.800 millóns de euros, máis do dobre da que agora se pretende recadar co incremento do imposto sobre as rendas do capital mobiliario, e a terceira parte da correspondente ao futuro incremento do IVE, pero coa diferenza de que afectaba exclusivamente ás medianas e grandes fortunas. Tamén decidiu igualar a fiscalidade das rendas do capital mobiliario, independentemente de si se orixinaban en prazos inferiores ou superiores a un ano. Daba así o mesmo tratamento ás de carácter puramente especulativo, responsables en grande medida da crise que estamos a padecer, e ás xeradas a longo prazo, imprescindibles para un adecuado funcionamento do sistema económico, xa que son as que normalmente financian os investimentos estruturais tanto públicos como empresariais.

Tamén ese goberno, que se autocualifica de esquerdas, pretende pasar no bico dos pés polo tratamento preferente outorgado ás rendas mobiliarias das grandes fortunas que utilizan a forma de SICAVs, na maioría dos casos de xeito fraudulento como insistentemente están a denunciar os funcionarios de Facenda, mantendo o gravame do 1% no Imposto de Sociedades. Para maior desvergoña, xustifícano na previsible fuga de capitais cara a países máis permisivos de aplicar taxas máis razoables. Cabe polo tanto deducir de que son conscientes de que a vía recadatoria mais eficiente consiste en espremer aos mais débiles porque eses non teñen nin a oportunidade de escapar. Na mesma liña de actuación, condonaron a débeda de outros países en beneficio dos intereses de determinadas empresas presuntamente españolas, pero que producen, empregan e eluden impostos no estranxeiro, condenando aos residentes a pagalas e con intereses.

Vista a súa actuación e botando man de certos precedentes, como a autoconcesión da pensión máxima por exercer durante catro anos como cargos electos, a exención da maior parte dos seus emolumentos do pago do IRPF ou a percepción de rendas perpetuas polo exercicio de determinadas funcións de "responsabilidade", máis parece que co seu proceder só pretenden protexer as súas incipientes fortunas xeradas no exercicio público, utilizando unha vez máis a política no seu beneficio.

Quero por último incidir nas manifestacións dos funcionarios de Facenda, que aseguran que, a pouco que se lles deixe, están dispostos a ingresar nas arcas do Estado até 20.000 millóns de euros procedentes das inxentes bolsas de fraude fiscal que, segundo as súas declaracións, están perfectamente localizadas. Case o dobre do que o Goberno pretende recadar coas modificacións fiscais no exercicio 2009.

Supoño que ninguén se atreverá a dicir que me limito a facer unha crítica destrutiva do traballo económico do Goberno sen achegar solucións viables para financiar o vertixinoso crecemento do déficit do Estado. Para os máis obtusos, simplemente sinalar que a proposta xa está implícita no propio texto. Engadindo simplemente a necesidade de introducir certa progresividade no tratamento dos beneficios das sociedades en función da rendibilidade dos seus recursos propio co gallo de estimular o investimento empresarial produtivo e desalentar a especulación e o "pelotazo", e de adoptar as ineludibles medidas de optimización do gasto público, que non teñen porque implicar a redución do gasto social nin da inversión estrutural, cuestión merecedora doutro artigo, estariamos en condicións de facer fronte en mellores condicións ao futuro económico incerto que nos agarda.

Hai uns anos contemplaba con curiosidade unha fotografía que eu cría do coñecido humorista Mr. Been, aínda que o seu posuidor xuraba e perxuraba que era do noso Presidente. Mentres escribía este texto, lembraba aquela situación e veu a miña mente un capítulo da famosa serie televisiva que o actor británico protagoniza, no que, tentando colgar un cadro, practicamente derrubaba o cuarto. Non me digan que non ten certo paralelismo co noso personaxe que, con dúas tardes de clase, pretende dirixir pola súa conta a economía deste país, aínda que, a verdade, non ten ningunha graza.

Manuel G. Antón Villamil.


3,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: