A Galiza é un país de 30 000 km cadrados e poboado por case 2 800 000 cidadáns. Isto nos deixa unha densidade de poboación de 91 habitantes por quilómetro cadrado, aproximadamente a mesma que o estado español. Ademais máis da metade da superficie do país ten unha densidade de poboación de menos de 50 habitantes por quilómetro cadrado e unha taxa de crecemento vexetativo negativa. Que futuro lle agarda a un país así?
O noso país, o noso pobo, desfruta dende os anos oitenta dunha certa autonomía política. Xulgada suficiente ou insuficiente, non deixa de ser unha ferramenta para poder tomar decisións efectivas sobre o futuro de Galicia, o futuro da casa de todos.
E fixemos tal en trinta anos de autonomía?
Semella que si. Pouco pero si.
Non houbo nembargantes un plano a longo prazo sobre que país queremos os galegos.
Como queremos que sexa a Galiza de 2020, de 2050, de 2100. Non houbo máis que parches para arranxar ou conter problemas puntuais.
Poñémonos en situación. A Galiza é un país de 30 000 km cadrados e poboado por case 2 800 000 cidadáns. Isto nos deixa unha densidade de poboación de 91 habitantes por quilómetro cadrado, aproximadamente a mesma que o estado español. Ademais máis da metade da superficie do país ten unha densidade de poboación de menos de 50 habitantes por quilómetro cadrado e unha taxa de crecemento vexetativo negativa.
Deberiamos concentrar esforzos en ser un país máis denso ou deixarnos levar e ser un país menos denso?
Queremos ser unha Holanda ou unha Noruega? Quédanos suficiente superficie de alto valor ecolóxico como para que nos compense converternos nun paraíso coma a Irlanda ou temos transformado tanto o noso entorno que só nos queda seguir a transformalo no noso proveito?
Se queremos ser unha Holanda (402 habitantes por quilómetro cadrado) ou unha Bélxica (345 habitantes por quilómetro cadrado) será imprescindíbel un plano de desenvolvemento industrial importante, inxectar cartos na investigación e o desenvolvemento, urdir unha máis densa rede de infraestruturas de transporte, especialmente ferroviarias. Mais sobor de todo é necesario aumenta-la nosa poboación, fomentando a natalidade e atraendo a inmigración que non ten a Galiza como destino preferente dentro do Estado -atraendo á inmigración lusófona se pode ser-.
As nosas cidades actuais non serán quen de absorber todo ese crecemento, que desbordará A Coruña e Vigo afectando a cidades medianas coma Redondela ou Vilagarcía. Estas novas cidades requirirán ao seu tempo servizos de altas prestacións coma complexos hospitalarios, campus universitarios, etc. Un eixo atlántico galego de máis de dous millóns de habitantes poida que incluso xustifique a oculta intención da Xunta dunha autovía paralela á AP9, así coma trens de conexión a cada media hora e redes de proximidade arredor dos núcleos máis densos, A Coruña, Vigo e Santiago.
E o interior? Non quedaría libre deste aumento de poboación. Coa maior urbanización do Eixo Atlántico, prepárense Ulloa e compañía a un aumento da presión inmobiliaria por mor das segundas residencias da clase media galega, que buscará fuxir nos veráns ou nas fins de semana as máis tranquilas terras do interior. Se ás clases medias do interior se lles vende a casa da praia, aos urbanitas atlánticos da Galiza dos catro ou cinco millóns hásenos vender a Casa da Aldea. Pareado a dez minutos de Monterroso con vistas á campiña, tres dormitorios, garaxe, barbacoa e parcela de cincocentos metros cadrados.
E as rías? Haberá que ser coidadoso para que os conflitos entre o seu aproveitamento para o marisqueo e a acuicultura, para o transporte de bens e persoas e para fins industriais. O turismo, interno e externo, chegará tamén ás rías altas convertendo Ortigueira ou Viveiro nos Sanxenxos do Norte. O noso literal haberá de sufrir ademais novas modificacións para instalar medios de aproveitamento da enerxía (ondas, mareas, vento) que complementen as existentes.
Doutra volta, podemos querer ser unha Noruega (15 habitantes por quilómetro cadrado) ou unha Irlanda (62 habitantes por quilómetro cadrado) Deberemos desmantelar parte da nosa industria, aquela con menor taxa de rendemento fronte a deterioro medioambiental. Haberá que desmantelar tamén algúns dos nosos 35 000 núcleos de poboación e facer minguar as nosas cidades, revertindo recentes expansións.
No interior será necesario un plano para converter en áreas polo seu valor etnográfico e natural grandes desertos demográficos. Comarcas enteiras poden ficar cunha poboación ridícula o que as relegará ao turismo paisaxístico ou á caza vixiada. A metade da superficie do noso país (ou se cadra máis) gozaría dalgunha clase de protección etnográfica ou medioambiental.
O descenso de poboación tamén faría innecesaria (xa o é en boa parte) a meirande parte das instalacións de produción de enerxía eléctrica, co que posibelmente o entendemento ditase desfacernos das máis contaminantes. O despoboamento de Galiza podería facer desaparecer a central das Pontes e outros indesexables cos que temos que convivir hoxe en día. Ademáis moitas das nosas infraestruturas carecerían de sentido e habería que dalgún xeito reciclalas. Algunhas autovías das máis novas por exemplo manifestaríanse completamente innecesarias. O mantemento de tres aeroportos para menos de dous millóns de habitantes sería simplemente inadmisíbel.
Dun xeito ou doutro, precísase un acordo nacional que leve á elaboración dun plano que determine cal destas situacións é a que queremos para o nosos futuro e en que liñas temos que traballar. As dúas teñen argumentos a favor e en contra, e as dúas afrontan de xeito radical o problema cronicamente sen resolver do noso territorio. O que máis claro queda é que o noso país non pode continuar sen un marco global que defina os parámetros que regulan o noso territorio.
http://paragoxe.wordpress.com/