Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Os enxeñeiros técnicos forestais reclaman estabilidade laboral, máis medios e profesionalización para loitar contra o lume

Tan só 63 profesionais deben facer fronte a todos os incendios que se producen en Galicia, equivalentes á metade dos que se orixinan no Estado español e un terzo dos que se rexistran en Europa

Os enxeñeiros técnicos forestais da Xunta de Galicia, en especial aqueles que traballan na Dirección Xeral de Montes da Consellaría do Medio Rural, denuncian a súa caótica e precaria situación laboral: tan só 63 profesionais deben coordenar os traballos de extinción de todos incendios que se producen no noso país. Ilustraron a súa queixa cunha comparación demoledora: sería o mesmo ca se esas 63 persoas tivesen de coordenar a metade dos incendios do Estado español ou a un de cada tres lumes que se rexistrasen en Europa -tal é a magnitude desta lacra en Galicia-.

Enviada por SN_CCOO SN_CCOO o 12/06/2007 13:48

Na rolda de prensa que celebraron esta mañá en Santiago, representantes dos sindicatos CSI-CSIF, CIG, UGT e Comisións Obreiras (CCOO) expuxeron que os traballadores levan máis de tres anos «realizando un exercicio de responsabilidade» ao iren pospondo as suás reivindicacións para o inverno, a época máis tranquila, «sen que se nos teña dado unha solución».

Odón López (CCOO), enxeñeiro técnico do distrito de Noia, denunciou a actitude da Administración, que na súa opinión manifesta «a falta dunha vontade negociadora real» para solucionar os problemas que afectan ao colectivo. O principal, como se indicou, a falta de medios, para o que sería necesario -«como mínimo», subliñou-, un efectivo máis por distrito, ou sexa, reforzar o corpo con 19 profesionais máis.

Condicións laborais e salariais

Outra das grandes queixas é a que ten que ver cos horarios e quendas de traballo. «Existe unha total falta de regulación», sinalou Odón López, «somos os únicos funcionarios que chegamos a facer 96 horas á semana» e «ata 24 horas seguidas», uns extremos totalmente fóra da lei. A isto súmaselle «o grande estrés» que producen as súas responsabilidades no caso de incendios: deciden que persoal intervén, que medios aéreos e terrestres, dirixen as extincións que se complican, son responsables da seguridade de todo o persoal... «Nin sequera está regulado o máximo tempo que podemos estar neste sistema», apunta López, «a Administración dispón da nosa saúde a discreción», puntualizou.

Tampouco están regularizadas as vacacións, sobre todo en comparación con outros colectivos que traballan con eles, aseguraron. Piden, como mínimo, 15 días libres no verán. Con isto quérese facilitar que, cando menos, os profesionais poidan conciliar a súa vida persoal e a laboral.No que respecta ás condicións salarais, denuncian que van cobrar menos ca en anos anteriores, e proporcionalmente menos que outros colectivos que están baixo a súa supervisión. «Pedimos que, como minimo, se retribúa a nosa responsabilidade en proporción aos corpos que diriximos», sinalou López.

Eventualidade e profesionalización


Segundo os representantes de CCOO na rolda de prensa, Odón López e Benxamín Vences, dentro do colectivo de enxeñeiros técnicos forestais hai unha alta taxa de interinidade, unha situación que é especialmente grave nos distritos que, como Ourense, teñen maior risco de incendios. Segundo a súa análise, cómpre estabilizar laboralmente os traballadores, e é necesario tamén incidir na profesionalización de todo o servizo de extinción.Neste sentido, critican duramente «a privatización deste servizo público» a través da empresa Seagasa. Consideran que a decisión «incrementará o gasto público» e non garantirá un trato equitativo cos traballadores que permanezan ás ordes da Administración. Ademais, «[Seagasa] precisará un investimento», principalmente en materia formativa.

Os representantes dos traballadores aseguran descoñecer a cualificación profesional do persoal que traballará para Seagasa, así como as competencias e atribucións que terán. «O que nos prometen está por ver», afirmou Benxamín Vences, ao tempo que puntualizou que «non cremos que sexa bo nin para o país nin para os cidadáns». Fronte á privatización e á desprofesionalización, Vences e López contrapuxeron como aval os 16 anos de experiencia do actual corpo de enxeñeiros técnicos forestais.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: