Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Falsas verdades, públicas mentiras. A ideoloxía do poder e o discurso prohibido

Vivimos nunha Iberia de película, e os actores máis profesionalizados de toda esta…parafernalia non son, precisamente, os que traballan nos teatros, no cine ou nas series de televisión, senón nos parlamentos, uns actores que non fan outra cousa máis que interpretar segundo un guión que outros escriben. A derradeira película que acaban de presentar a concurso no certame da loucura a que nos levan a todos, é a ilegalización de Iniciativa Internacionalista. Para estes tempos só hai un pensamento politicamente correcto, e ese pensamento politicamente correcto está canalizado en dúas siglas: o PSOE-PP nos carrís centrais e, se acaso, IU nas gabias laterais. Fóra desas siglas non hai estrada para circular.

Enviada por GonzaloAmoedo GonzaloAmoedo o 17/05/2009 13:10

“Moitos xuíces son absolutamente incorruptibles; ninguén pode inducilos a facer xustiza.               Bertold Brecht   O pasado 14 de maio de 2009, o Faro de Vigo, na súa páxina 37, traia a noticia de que, tras 22 anos no corredor da morte, logo de pasar polo horrendo transo de ter fixada unha data para a súa execución, un cidadán americano era declarado inocente. O agora non culpable recibía a noticia atrapado na súa cadeira de rodas, na que malvive por mor dunha esclerose múltiple. Por qué se tardou tanto en devolver a liberdade e a conduta a este home?, pregunto.             Na mesma páxina do mesmo periódico, outra noticia cun falso titular, indicaba que dous terzos dos detidos por terrorismo no Reino Unido quedaron en liberdade, sen cargos. A noticia, tapada por uns titulares que non fan xustiza á información, é moito máis escandalosa, xa que só trece de cada cen detidos, trala vaga de detencións xurdidas tralo 11-S, concluíron cunha pena de prisión. É dicir: o 87% dos detidos eran inocentes!! Aínda así, a ninguén se lle ocorrerá dicir que o estado británico ou está ateigado de tolos…ou non é un estado democrático.             Dende a morte de Franco ata hoxe pasaron polas comisarías e prisións españolas máis de cincuenta mil cidadáns acusados de delitos políticos, non necesariamente violentos, senón que, na súa inmensa maioría, se trataba de detencións motivadas pola forma de pensar dos individuos presos. Semellante barbaridade antidemocrática non foi acompañada, logo, por cincuenta mil condenas, nin de lonxe!!, pero o efecto mediático de ver como a Policía prende a un ou varios cidadáns, acompañada dun dispositivo de radio e televisión que transmite case en directo a detención (contemplada polo cidadán medio, que asiste zombi a un curioso adoutrinado/terapia de grupo televisivo/familiar), non é posteriormente botado abaixo por outro dispositivo mediático que neutralice o dano causado. É obvio dicir que o cidadán capturado polas nestes casos dilixentes forzas policiais é adxectivado inmediatamente de bandido terrorista e con ese sambenito queda de por vida. Recentemente aconteceu en Vigo  a detención dun diminuído físico que, tamén postrado nunha cadeira de rodas, foi acusado pola Audiencia Nacional de terrorismo. Con grandes titulares e con fotos acompañando o texto, o periódico linchaba, perdón, quero dicir informaba, de que un diminuído físico, veciño dun barrio de Vigo, era detido e conducido pola Garda Civil a Madrid, onde pasou uns días nos calabozos correspondentes, acusado de dirixir unha rede terrorista dende a súa cadeira de rodas, ata que primeiro baixo fianza e logo xa sen acusación firme, acabou por saír fora, sen cargos. Pero mentres, os seus veciños, as súas familias, os seus amigos, os coñecidos e incluso aqueles que non o coñecían senón é por medio de montaxes deste calibre, puideron observar como a Garda Civil entraba na vivenda e saía con libros, ordenadores e un home nunha cadeira de rodas. Durante os días que este cidadán vigués estivo preso, as mentes pouco formadas recibiron información dabondo para quedar mediatizadas para sempre ao respecto de que, ao seu arredor, medraba unha célula de bandidos terroristas que pensaban facer sabe deus qué. Por aquel entón, casualmente, iniciábase unha campaña electoral e a alguén lle debeu de  parecer axeitado o amosarlle aos indecisos que eles podían ser tan duros coma os que mandaran anteriormente. Noutras ocasións, aparecen “comandos Dixán” ou un novo comando da infiltrada e agónica organización etarra, que parece renacer coma o Fénix dunhas cinzas que, cada vez máis, semellan alentadas e mimadas por unha especie de fol policial que, paradoxalmente, di pelexar contra dela.  Vivimos nunha Iberia de película, e os actores máis profesionalizados de toda esta…parafernalia non son, precisamente, os que traballan nos teatros, no cine ou nas series de televisión, senón nos parlamentos, uns actores que non fan outra cousa máis que interpretar segundo un guión que outros escriben. A derradeira película que acaban de presentar a concurso no certame da loucura a que nos levan a todos, é a ilegalización de Iniciativa Internacionalista. Para estes tempos só hai un pensamento politicamente correcto, e ese pensamento politicamente correcto está canalizado en dúas siglas: o PSOE-PP nos carrís centrais e, se acaso, IU nas gabias laterais. Fóra desas siglas non hai estrada para circular.                                                                                                   Gonzalo Amoedo.


3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: