Concentración o mércores día 6 de maio ás 19,00 h diante do MARCO
Desde que o pasado día 12 de abril Abel Caballero, o alcalde de Vigo (PSOE), anunciase a súa intención de ceder o edificio da Escola Municipal de Artes e Oficios ao Ministerio de Cultura para que sexa sede dunha biblioteca do Estado, o alumnado, o profesorado e a cidadanía de Vigo non pararon de se mobilizar na defensa da escola.
Concentracións, manifestacións, recollida de sinaturas (xa levan recollidas 15.000), engalanado do edificio, asembleas e a creación dun blog para anunciar as convocatorias e informar das mobilizacións http://salvemosartesyoficios.blogspot.com/ é parte do que se fixo até o de agora para salvar a escola.
O xoves pasado realizouse unha ofrenda floral na estatua de García Barbón porque este foi o doador do edificio ao Concello de Vigo coa condición de que fose para o ensino.
Aínda que o alcalde di que a continuidade das actividades está garantida, a cidadanía de Vigo non se fía de quen traizoa as condicións dun legado e exixe que busque outro edificio para a biblioteca.
A Escola de Artes e Oficios é unha actividade cultural que a cidadanía de Vigo non quere perder, de xeito gratuíto na escola pódese aprender: ourivaría, luthería antiga, pintura, cerámica, encaixe de palillos, encadernación, escultura e talla na madeira, construción de instrumentos tradicionais, repuxado en coiro, artes gráficas, corte e confección, son e música moderna, idiomas e debuxo.
A próxima mobilización convocada é, o mércores día 6 de maio, unha concentración na rúa príncipe ás 19,00 h diante do MARCO que comezará sendo unha asemblea aberta a quen queira achegarse e rematará cun pasarrúas pola rúa do príncipe.
Alumna da EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios)