Vieiros

Vieiros de meu Perfil


CCOO pide ampliar o diálogo social ao ámbito municipal e solucións axeitadas para problemas como os incendios

A Executiva do sindicato considera que as eleccións locais consolidan «a tendencia progresista e de demanda de cambio expresada polo voto da cidadanía» que xa posibilitou formar o Goberno bipartito

A Comisión Executiva do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) analizou os resultados das eleccións autonómicas e municipais do pasado 27 de maio, especialmente no que atinxe ao noso país. A Executiva sindical considera que chegou o momento de ampliar ao ámbito municipal o diálogo social, promovendo ou fortalecendo a participación cidadá -con especial atención aos axentes sociais-, ben sexa mediante este proceso ou a través do ámbito institucional.

Enviada por SN_CCOO SN_CCOO o 05/06/2007 12:57

Neste sentido, considera «moi positivo» o establecemento de acordos entre a Xunta de Galicia, o Sindicato Nacional de CCOO, a UGT e a Confederación de Empresarios, que tiveron e terán «un impacto favorable sobre o emprego e os dereitos laborais». No entanto, puntualiza que «precisamos, en todo caso, un cumprimento áxil e rigoroso dos acordos, así como da dinamización da segunda fase do diálogo social».

Solución para os incendios

Malia a valoración referida, CCOO advirte nos resultados electorais certos síntomas que fan pensar que cómpre «máis nervio, máis capacidade de iniciativa, máis axilidade e máis decisión» para encarar os problemas que hoxe ten Galicia. «Faise cada vez máis evidente», precisa o sindicato, «a necesidade dunha ordenación e unha mellor utilización do territorio, con solucións axeitadas aos problemas dos incendios ou o coidado do litoral».Tamén é necesaria, segundo CCOO, unha política industrial e sectorial definida, «que dea máis impulso ao crecemento económico»; pero tamén se precisan uns servizos públicos «eficaces e profesionais, que atendan ás necesidades máis imperiosas da poboación» en materia de sanidade, educación, vivenda, transporte ou asistencia social.

Consolidación da tendencia progresista

A Executiva nacional considera que o resultado das eleccións municipais no ámbito galego «consolida a tendencia progresista e de demanda de cambio expresada polo voto da cidadanía», que xa posibilitou no seu momento a conformación do Goberno bipartito. Así as cousas, outórgaselles agora aos dous socios da coalición e a outras forzas progresistas «a posibilidade de gobernaren desde as corporacións locais un 70% da poboación de Galicia».

CCOO sinala que todas as reformas que se realicen deben ser «consensuadas cos axentes sociais» e ir na liña de fortalecer o modelo social, «rexeitando as tentativas privatizadoras e fomentadoras da desigualdade». A análise conclúe que desde os poderes locais tense a oportunidade «de avanzar en común para emprender decididamente a modernización de Galicia», promover un crecemento económico respectuoso co medio natural e fomentar unha prosperidade que sexa compatible coa xustiza e coa protección social.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: