Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O día 1 de marzal hei de ir votar

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de O día 1 de marzal hei de ir votar

O día 1 de marzal hei de ir votar

Reflexións, á luz dunha "camping gaz", sobre as vindeiras elecións autonómicas.

Enviada por ManuelGAnton ManuelGAnton o 05/02/2009 11:15

Neste últimos tempos asistimos abraiados a espectáculos políticos esperpénticos como o da Cidade da Cultura, o Plan Acuícola e o "reparto eólico", nos que tódolos partidos (PP, PSOE e BNG), cando ostentan responsabilidades de goberno, adoptan unha curiosa actitude camaleónica, independentemente de ideoloxías ou de cores políticos. Tampouco os que agora se postulan como salvadores, poden presumir precisamente de un pasado político no que antepoñeran o interese público aos seus intereses persoais. Os escándalos urbanísticos e de todo tipo, as listas de espera, a lamentables situación do ensino, a desastrosa situación económica, o paro, ..., enchen as primeiras páxinas dos xornais. Mentres os nosos gobernantes, no seu limbo particular, alleos á realidade, dilapidan diñeiro público en roupa e despachos de deseño, coches de luxo, e gastos de propaganda e "representación", entre outras "necesidades básicas".

No entanto, coido que dous acontecementos recentes destacan especialmente pola súa transcendencia social, e pola absoluta impunidade da que parecen goza-los políticos "responsables".

Por unha banda, a actuación da empresa pública Sogama e da concesionaria Danigal que, aparte de "obsequiar" aos veciños de A Coruña e Santiago con aditivos de dubidoso "gusto" na auga de consumo, pode que tamén os medicaran, por suposto sen receita, tendo en conta que os efluentes vertidos ó Rego da Iña (afluente do Barcés) e ó río Lengüelle (afluente do Tambre) probablemente remataran nas billas de coruñeses primeiro e santiagueses despois. Xuntaríanse, polo tanto, un presunto delito medioambiental con outro contra a sanidade pública; amais dunha estafa de considerables proporcións a aqueles que pagaron considerables cantidades de diñeiro polo suposto reciclaxe duns medicamentos caducados que nunca se chegou realizar. Evidentemente, a importancia desta nova e descomunal estafa quedaría minimizada pola enorme transcendencia social dos outros dous presuntos delitos. Non quero nin pensar onde puideron remata-los residuos radioactivos que Fenosa pretendeu "incinerar" en Cerceda a remates do 2007, ou que podemos esperar no futuro si a xestión da Sogarisa, empresa pública ubicada en Somozas e adicada a xestión de residuos industriais non exclusivamente galegos, en contra do que se asegurou no intre da súa construción, se está a realizar baixo os mesmos criterios de seriedade e eficiencia.

Por outra banda, a catástrofe material e humana subseguinte ao recente temporal, é o absoluto abandono dos galegos por uns poderes públicos unicamente entregados a apalanca-lo seu futuro persoal nas vindeiras eleccións autonómicas. A habitual pasividade dos nosos representantes políticos, antes fronte a actuación fraudulenta das empresas distribuidoras, e despois diante das penurias que tiveron que soporta-los damnificados abandonados a súa sorte, foi incluso superada polo intento de xustificar na virulencia do temporal a nefasta xestión das empresas subministradoras e a conivencia dos organismos de control. Aínda recoñecendo a forza do temporal, non xustifica por si mesma os efectos causados nas infraestruturas de enerxía eléctrica. Moitos galegos vimos sufrindo interrupcións no subministro cada vez que sopran ventos do inverno ou de verán, e, tamén, unha pésima calidade de servizo, sopre o vento ou faga sol.

Estes días atrás, á luz da "camping-gaz", preguntábame onde estarán os 402 millóns de euros, presuntamente invertidos por empresas subministradoras e administración na década dos noventa, precisamente para tentar evita-lo que aconteceu na noite do 23 ao 24 de xaneiro. Como outras grandes infraestruturas deste país, as subestacións, redes e sistemas de telecontrol do famoso e propagandisticamente recorrido Plan Mega aparentemente quedaron en meramente virtuais. A única parte real desa ficción foron os mais de 173 millóns de euros que, con cargo a fondos públicos, e dicir, aos nosos petos, evaporaron as empresas subministradoras, principalmente Unión-Fenosa, coa inestimable colaboración da Consellería de Industria.

Este é o presente que nos ofrecen os políticos que compiten, sen distinción de cores e ideoloxías, por asegurase un folgado futuro durante os vindeiros catro anos, e que representa a plataforma de lanzamento do noso país cara ao futuro. Unha situación que fai que nos decatemos de que a verdadeira posición de Galicia neste mundo competitivo está cada vez mais lonxe de Europa, e mais preto de África, e que augura un futuro pouco prometedor a medio e longo prazo.

Nos cinco días e medio sen luz, forzosamente liberado da televisión e de internet, tiven tempo a pensar como facer vale-lo meu voto nun escenario electoral tan manipulado en favor dos intereses dos partidos políticos como o da nosa pseudodemocracia, e lembrei como, no "Ensaio sobre a lucidez", o insigne Premio Nobel de Literatura D. José Saramago describe como a xente, cansa de soportar a políticos incompetentes e corruptos, manifestou a súa oposición votando en branco. Na escuridade forzosa lembraba tamén como o Sr. Pepe Blanco, paradigma de oráculo e ideólogo da tribo política que nos toca padecer, xustificou a elevada abstención no referendum do Estatuto de Andalucía, alegando que confiamos tanto no honrado e ben facer dos políticos que nos representan que ata pasamos de ir a votar.

Precisamente por todo iso, e porque estou canso de soportar a políticos incompetentes e corruptos nun escenario pseudodemocrático feito á medida das cúpulas dos partidos. Porque Galicia vai camiño dun pozo sen fondo, en caída libre. Porque hoxe por hoxe non existe ningunha alternativa política ou persoal que me mereza unha mínima credibilidade. Porque non creo que cáseque o 50% do censo electoral non vota por pasividade ou comodidade. Porque non estou disposto a que ningún personaxe poida especular torticeiramente coa miña opinión. Porque quero para os meus netos o país que non fun capaz de conquerir para min e para os meus fillos. Porque non quero volver a dicir que chove cando foráneos ou galegos mexen por min.

Por iso, e por moitas cousas mais, tentarei contribuír co meu grao de area a que se cumpra o sono literario do Sr. Saramago, e o día 1 de marzal hei de ir votar en branco.

M.G. ANTÓN.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: