Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Escribindo en nome da paz

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Escribindo en nome da paz

Escribindo en nome da paz

Manifesto ao que se deu lectura o sábado 31 no X Foro de ONG, en Área Central. O texto foi lido pola escritora Marilar Aleixandre.

Enviada por redaccion redaccion o 02/02/2009 10:06

Fun procurar a Paz, preguntarlle como quería que escribise o seu nome. Viña ela por unha corredoira descalza, a roupa chea de auga e os ollos de lume. Asañada cos que van arrincando unha a unha as letras do seu nome até tirarlle o sentido. Pedindo a voces que escribamos o seu nome de novo. Ao dictado tomei o seu manifesto.

Escribe Paz con P de Palestina, co nome da terra esgazada por unha coitelada de cemento, do solo onde foron pisoteados os tratados internacionais, do lugar onde matan nenas e din que estaban limpando, onde arrasan hospitais co pretexto da seguridade.

Escribe Paz con P de pernas, as que non encontrou cando espertou no hospital en Gaza unha nena de dez anos da que non sabemos o nome o once de xaneiro.

Escribe Paz con P de pánico que matou a Christine, unha rapaza de catorce anos no sétimo día dos bombardeos sobre o barrio de Al-Remal, dun ataque ao corazón.

Escribe Paz con P de pais que perderon aos seus fillos.

Escribe Paz con P de pobres. Dos vinte e cinco mil pobres que viven nesta cidade de Santiago, segundo soubemos esta semana. Dos cinco mil que viven nesta cidade de Santiago en situación de pobreza estrema. Dos douscentos vinte millóns que viven ou malviven na África subsahariana con menos dun dólar ao día. Dos tres mil millóns que, segundo o banco mundial, viven nesas condicións no mundo.
¿Podes escribir Pobres con Palestina? ¿A cantos deses pobres se podería alimentar co que custa un día de bombardeo sobre Gaza?

Escribe Paz con P de pateras, aínda que agora se chamen caiucos. Co nome das fráxiles barcas que non poden cargar co peso de tantas esperanzas frustradas.

Escribe Paz con P de pan. O pan que a Terra pode producir. O pan que a Terra produce mais que fica acugulando os pratos do Norte mentres no Sur mil millóns de persoas sofren fame pois, segundo declarou o martes 27 de xaneiro Jacques Diouf, director xeral da FAO, durante a última década esta proporción aumentou en vez de disminuír.

Escribe Paz con P de promesas incumpridas. A promesa do chamado, con rimbombante nome, obxectivo do milenio. A promesa, realizada polos países desenvolvidos en xuño de 2008, de aportar 22.000 millóns de dólares para reducir á metade a fame no mundo en 2015. Promesa non materializada que, como advirte Diouf leva camiño de non acadarse até 2050.

Escribe Paz con P de proporcións minguantes. Hai trinta anos a axuda á agricultura dos países ricos aos países en desenvolvemento era do dezasete por cen. En 2009 esa axuda é do tres por cen. E detrás de cada unha desas cifras hai persoas que non teñen que comer.

Escribe Paz con P de pupitre. Os pupitres dos que carecen os setenta e sete millóns de nenos que están sen escolarizar en todo o mundo. Segundo a ONU o gasto militar mundial durante tres días, uns nove mil millóns de dólares, sería abondo cada ano para acadar a educación primaria universal.

Escribe Paz con P de paludismo, que mata cada día na África subsahariana a tres mil nenos menores de cinco anos.

Escribe Paz con P de paciencia, á que se demanda aos que non poden vivir en paz, mais que non é inesgotable.

Escribe Paz con P de punto final ás frases inúteis.

Escribe Paz con P de palabra. Palabras que non sexan tomadas en van.

Escribe Paz con P de posible. Porque o noso futuro está nas nosas mans. Porque sería posible acabar coas guerras. É unha cuestión de vontade. Sería posible acabar coa fame.

Escribe Paz con P de prioridades. As prioridades que debemos mudar.

Non puiden chegar ao A. Para escribir o nome da Paz aínda nos falta moito.


Marilar Aleixandre 30 xaneiro 2009


2/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: