¿Resistencia? Sí, estamos a tempo de resistir, nesta terra nósa que nin foi de Fenosa nin será do City Bank mentres haxa cidadáns dispostos a plantar cara ao futuro incerto e construir os nosos soños milenarios alén das ‘sacas’ que algúns aventan coma pantasmas dende escanos roubados ó pobo e á cidadanía… Podemos!
Nestes días estou lendo moitas cousas que sonan a Contos de Nadal…
O Vicepresidente da Xunta saca peito en Madríd e aposta polo ‘autogoberno’ con ideas propias… coma se ata agora as ideas foran alleas ou o goberno non fora autónomo…? Entre as propostas de futuro unha chama ben a atención, disque teremos un Plan para rescatar a Autoestrada do Atlántico agora que vai camiño de irse a mans pouco limpas a xulgar polos ‘pufos’ que teñen noutros lares os que van quedar cos nosos €uros: City Bank & Company…
Un conto de Nadal sempre ten un final feliz, e ogallá este conto tivera o mesmo final, pois certamente a tódolos galegos e galegas seríanos máis sinxelo camiñar pola nosa terra libres de peaxes alleas (incluída a ‘peaxe na sombra’ que pagamos todos cando algún político ponse a liberar tramos en campaña electoral).
E seguindo co conto tamén sería boa cousa ir dende Carnota ó Courel por terras libres de Parques Eólicos e Canteiras de Pizarra a ceo aberto… E cun chisco de boa fortuna igual no aninovo seríamos ‘máis que galegos’, suizos deses que enchen os seus xardíns de gnomos de córes rechamantes para expresar a súa ledicia de vivir nunha terra liberada de explotacións alleas.
Máis seica non somos suizos nin temos gnomos na eira… nin ainda que quixeramos poderiamos selo… pois nesta terra nosa, os enanos medran e chegan a ser presidentes da Xunta de Galicia (ou vicepresidentes que para o caso ven sendo igual).
Pero os nosos enanos non se visten do córes fermosas nin habitan os xardíns das casas hipotecadas a trinta anos, disque andan enleados botando discursos… coma se o tempo novo fora vir soplando polos micrófonos. Vivimos tempos mediáticos… onde o medio é xa o discurso… onde compre termos calquera plataforma dixital para dicir que somos bós e xenerosos (que estamos pola participación cidadá e polo cambio de rumbo nas políticas do país…) Unha cousa é dicilo e outra ben distinta a realidade teimuda na que andamos soterrados.
Conto de Nadal parece a nova canle televisiva do Vicepresidente, QuinTV –magnífico proxecto de ‘comunicación e imaxe’- se poideramos empregalo para discutir propostas e reclamar solucións ós asuntos que realmente interesan á cidadanía… mais tampouco aquí descansan os ananos que filtran as mensaxes grazas a unha ferramenta máxica denominada ‘karma negativo’…
Se vostedes fan algunha pregunta incómoda -¿que van facer coa política lingüística se gobernan?- inmediatamente aparecen os enanos da rede e cunhas sinxelas e ¡democráticas! e sutís ferramentas envíano a vostede ós infernos do ‘karma negativo’ para sempre xamais. (Eu levo xa case tres meses nese lugar).
Por iso a mín góstanme os contos de Nadal… nos que non hai enanos na rede, nin existen altos cargos pontificando dende os seus ‘despachos oficiais’ o que debemos facer os cidadáns para que eles sigan soplando aire polos micrófonos do Parlamento aventando ideas de autogoberno e Nación… ata que a mestra-presidenta retíralles a palabra porque o seu tempo está esgotado…!
Góstanme os contos de Nadal con final feliz… onde dentre as pedras da acrópole de Atenas rexurde cun rumor de séculos a fermosa palabra ‘democracia’: aquel goberno do pobo de Atenas, feito polos cidadáns para gobernarse eles mesmos…
Agora diso queda xa ben pouco ou case nada… agora os votos veñen metidos en sacas de correos alén o mar; coma búmerang migratorio decidirán quen gobernará esta terra os próximos catro anos… e daránnos na cachola ao cinco por cen dos cidadáns desta vella Atenas para que sigamos axionllados ante o poder magnífico da partitocracia que nos goberna.
Góstamne os contos de Nadal con final feliz… ¿Resistencia? Sí, estamos a tempo de resistir nesta terra nósa que nin foi de Fenosa nin será do City Bank mentres haxa cidadáns dispostos a plantar cara ao futuro incerto e construir os nosos soños milenarios alén das ‘sacas’ que algúns aventan coma pantasmas dende escanos roubados ó pobo e á cidadanía.
Podemos!
Podemos ser un pobo que constrúa os seus espazos naturais coma reservas de vida e de amor pola vida… onde as novas tecnoloxías estean a disposición da cidadanía para facer a vida máis respirable e sosegada… onde os gnomos felices xurdan das veas da terra traguendo caldeiros de ouro cheos… onde as praiais de areas gordas ulan a argazo e non a minxitorios… onde o vento zoe por riba de nós e os peixes salten na sartén das casas libres de etiquetas de trazabilidade… podemos resistir e debemos facelo.
Podemos!