Vigo, 26 de marzo de 2008.- O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) acaba de denunciar ante á Xustiza o despido de tres redactoras de A Nosa Terra o día despois dunha asemblea de traballadores. O 13 de marzo, 21 dos 29 empregados da empresa pediron que a dirección explicase as causas do traslado das tres xornalistas. O 14 de marzo, a empresa respondeu despedindo ás tres asalariadas, que nun primeiro intre só pretendía trasladar de Santiago a Vigo.
A asemblea pediu por escrito (ver acta en PDF) que a dirección informase da liña editorial e das causas do traslado forzoso de tres redactoras e a do coordinador do diario dixital. Así e todo, os directivos do medio aínda non deron explicación algunha.
Represión nunha cabeceira centenaria
O Sindicato de Xornalistas de Galicia xa denunciou ante a Xustiza esta grave represión dos dereitos dos traballadores. Os despedimentos, ademais de ilegais, son moralmente execrables, especialmente nunha publicación centenaria do significado de A Nosa Terra.
O SXG entende que a resposta da dirección -o despido de tres persoas- á petición de diálogo da asemblea -rubricada por todos os redactores menos un- é un intento de intimidar ao cadro de persoal e cuestiona a viabilidade da nova etapa da publicación.
Chamamento ao diálogo
Ante esta situación, o SXG solicita a inmediata readmisión das tres compañeiras e unha negociación aberta e clara sobre o futuro da empresa. De non sentarse a negociar, a dirección terá que facer fronte a un conflito laboral de imprevisibles consecuencias.
No ánimo dos traballadores só está sacar adiante o que era un prometedor proxecto xornalístico que, catro meses despois do seu nacemento, está en crise por falta de diálogo sobre a liña editorial e soporte técnico adecuado.
Poden consultarse en liña a acta da asemblea de traballadores coas firmas de 21 empregados e un dos tres burofax cos despedimentos enviados pola empresa ao día seguinte.