Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Con magnolias de Galicia ó Tibet

enviar noticia abrir debate como vai isto
Edición xestionada por ti
RSS de Con magnolias de Galicia ó Tibet

Con magnolias de Galicia ó Tibet

Este artigo é réplica do publicado por X.L.Mendez Ferrín Gloria a Babel! no suplemento El Sábado 15-03-08  do Faro de Vigo na súa sección No Fondo dos Espellos. Novamente falamos sobre a lingua galega e o seu futuro.

Enviada por Erasmo Erasmo o 18/03/2008 19:40


Certo que os Universais lingüísticos son diferentes en cada lingua humana: pero son diferentes por analoxía coa súa significación profunda, é dicir, cada lingua humana ‘concreta’ o universal masculino, feminino, o mar, a terra… de xeitos distintos (en morfemas diferentes) que serven para os humanos entendérense entre eles nunha lingua determinada.

Pero de aí a dicir que non podemos entendernos en varias linguas vai un mundo!

Precisamente porque existe a posibilidade de traducir o concepto universal a moitas linguas diferentes é polo que calquera ser humano pode entenderse con outro grazas á universalidade da linguaxe: viva Babel!

Pero quenes falan de Imperios parecen non ter en conta que hoxe son outros os que pretenden ‘impoñer’ o uso dunha lingua sobre outras que os falantes empregan con total liberdade para se comunicar entre eles.

Non serei eu quen faga da miña lingua unha imposición ‘sionista’ coma fixeron os israelitas de 1948, entre outras razóns porque calquera pode ver os resultados en 60 anos de guerras fratricidas estériles e sen máis futuro para a lingua que manterse por pura imposición do Estado de Israel para acoller ós xudeus da diáspora. Unha lingua non se fala por Decreto, e o seu futuro non é froito de ningunha resolución administrativa.

Se en teoría podemos aceptar que a calquera lingua tribal de Nova Guiné podería traducirse Aristóteles, non é menos certo que para facelo compre un bo coñecedor tanto das linguas de orixe coma das falas de destino: e ese tradutor cicais exista nas teorías filolóxicas pero aínda estamos lonxe de telo na fala deste imaxinario pobo tribal de Nova Guiné…!

A proba do que digo está patente en Galicia cando sindicatos coma a CIG e Mesas de Normalización teñen que denunciar ó Coordinador de Filosofía por publicar textos de Selectividade en castelán pois aínda non se conta con traducións directas ó galego da obra do estaxirita. Certo que se pode traducir, e ata poderíase traducir ben, pero antes de esixilo no xulgado compre facelo!

Nesta terra nosa hai xentes que gustan de poñer o carro diante dos bois… e alcuman de ‘individualidades arcaicas, primitivas e ata cavernícolas’ ós que defendemos a liberdade lingüística no noso país, cando o que deberan, ó meu xuízo, é porse mans á tarefa e traducir todo aquilo que compre traducir para ter unha lingua á altura dos tempos, que non son outros cos da interculturalidade; e para facelo con siso ben podemos empregar o principio da subsidiariedade: cando non temos un texto con garantías de calidade en galego ben podemos botar man da tradución en castelán, sen que isto sexa considerado delito.

Do mesmo xeito podemos afirmar que os catedráticos de Lingua e Literatura Española deberan empregar o español nas súas aulas no canto de chamar ‘cavernícolas’ ós que empregamos a lingua española para transmitir conceptos, cicais aínda escuros, na ferramenta lingüísitica do noso idioma: o galego.

E como este poñer ó día as ferramentas do idioma é un traballo filolóxico de altura, seguramente compriría pagalo como se pagan tódolos traballos neste gran mercado que hoxe temos. Así cando Aristóteles sone tanto en galego coma en castelán (coma debeu sonar no grego orixinal) será o momento de transitar polos poemas de Eliot en galego ou as obras de Shakespeare en inglés.

Pero que non veñan, con trampa, a falar de Glotofaxia os que viviron e ‘comeron das linguas’ en conflito durante máis de medio século: pois cicais teñan algunha factura pendente pola morte das linguas que din defender: con pólvora e magnolias!

Se me desen a escoller eu ben sei que escollería: que fora o arrecendo da magnolia o que leve a miña lingua cara ó futuro e non os ‘dinamiteiros’ da imposición lingüística os que convertan Galicia no Tibet.

Unha lingua non se fala por Decreto!

Erasmo
Amante da súa lingua e da liberdade!


4,35/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Con magnolias de Galicia ó Tibet