Ao redor de setenta mil imigrantes viven aqui con nós, en Galiza, veñen e participan na vida cotiá, no seu/noso Concello. No mundo sindical de clase obreira galega, na CIG xa son parte da Clase Traballadora Galega, e seguimos sen entender que non poidan participar nestes Comícios. A experiéncia é que hai imigrantes que xa non votarian, mais hai algunhas outras que veñen de participar en movementos de liberación nacional, xente de esquerda nalguns casos, e en moi alta porcentaxe saben que o PP NUNCA MÁIS. As leis de estranxeiria deseñadas por ese governo posicionaron á imigración como non votante a esa direita reacionária e fascista.
Nestas eleicións locais 27 Maio 07 queda-me un sensabor, algo diferente e diferenciado destas eleicións locais a respeito doutros comícios que calquer de nós tivera participado co exercício do voto.Tratan-se da eleición daquela corporación, do governo que imos ter durante catro anos, que nos vai deseñar políticas capaces, asi votamos, de desenvolver as nosas inquedanzas, de debuxar un noso concello máis noso, de resolver aqueles problemas que xordan ou xa temos agora mesmo.Pois o mal a gusto que me sinto vén porque sendo estas eleicións por exceléncia as do governo máis perto de nós, que acontece con esas outras que coma nós son tamén cidadania e non poden ejercer o sufráxio? Estoume a referir á imigración, ás mulleres e aos homes imigrantes que teñen referéncias nos Servizos Sociais, na Educación municipal, nas programacións culturais do Concello, que pagan os impostos, que ollan aquelas eivas que hai, que se deben mellorar, mais que, hoxe, que é o día de ao mellor emendar, de apoiar, de correxir, ou de amplar, fican no siléncio por que seica que nós nos seus país de orixe non votamos?? Depende e a segundo onde, ainda que asi for, que? O deseño da sociedade que quero, que anceio, non pode haber persoas cidadás de primeira e de segunda.Abonda xa con medidas que xa refricten esa desigualdade tal é o salário de liberdade, onde as mulleres imigrantes sen papeis fican fóra de solicita-las e, polo tanto, de recebe-las. Abonda xa con que as mulleres imigrantes "sen regularizar a sua situación administrativa" que denúncian maos tratos, se lles incoe expediente sancionador cuxo resultado nunha alta porcentaxe será a orde de expulsión.Todo define, construe, vai maquetando a nosa sociedade, a de hoxe, actual, mais a de mañá,... e continuo sen entender que as case setenta mil persoas imigrantes que temos na Galiza, non puidesen votar hoxe. A que lle temos medo?