11 de setembro de 2007. Os postos de traballo son un dos principais argumentos das empresas de acuicultura industrial para defender os seus intereses. Nos seus proxectos e através da propaganda mediática, preséntanse como a panacea para as vilas costeiras, ofertando impúdicamente centos de empregos. A realidade é outra: a acuicultura industrial emprega hoxe a unhas 500 persoas, entre persoal de dirección, vendas, marketing, producción, etc. Datos do IGE (Inst. Galego de Estatística) falan do estado destas empresas en Galiza: "Plantillas inferiores a 50 traballadores, das que máis dun terzo teñen menos de 10 empregados". Segue...
Como podía ser posíbel entón que, por exemplo, Pescanova en Touriñán ofertara 350 postos de traballo e Stolt en cabo Vilán 200, cando nesta última fatoría traballan a día de hoxe unha media de 15 persoas?. Outra cuestión que estas empresas obvian dicir é a cuantía das suculentas subvencións públicas con que todos e todas financiamos a súa actividade e que poden chegar até o 50%. Por exemplo, para a planta de Mira (Portugal) o estado portugués entregará a Pescanova 45 millóns de € en subvencións públicas directas (sen contar coas subvencións indirectas para milloras tecnolóxicas, infraestruturas de distribución, ventaxas fiscais...), dos 140 millóns de € do total do proxecto. E todo para criar, segundo a empresa, uns 200 postos de traballo (comezaron ofertando máis de mil). Facendo un rápido cálculo, resulta que cada emprego custa ás arcas públicas nada menos que 225.000 €, ou o que é o mesmo, a administración portuguesa pagará con cartos públicos o salario completo dos traballadores de Pescanova (estimamos 15.000 € ao ano) durante 15 anos. Así calquera pon un negocio! Os promotores do novo plano acuícola fan tamén outro curioso cálculo: as previsións de emprego estímanse dividindo a producción actual polos postos de traballo, e extrapolándoas aos obxectivos de producción e expansión. O ratio é de 1 posto de traballo por cada 11 Tm de peixe producidas, calculando deste xeito que se xerarán 2.800 empregos nos parques proxectados. Isto é unha nova falacia, xa que a acuicultura industrial é un sector cuxos procesos produtivos están altamente automatizados polo que o aumento da producción non precisa dun medre proporcional do persoal. Mesmo pode darse o caso de que a expansión signifique unha merma dos actuais postos de traballo, ao automatizar tarefas que como a alimentación manual, empregan á maior parte do persoal non especializado. No entanto, o máis grave non é o escaso emprego que crían estas plantas, senon o que poden chegar a destruir nun sector, este sí verdadeiramente estratéxico (98,2% da producción, datos de 2002), que vive directamente dos recursos litorais: a acuicultura mariña, o marisqueo e a pesca de baixura. Na acuicultura a flote e nos parques de cultivo mariños, inexplicabelmente esquecidos neste plano sectorial, traballan de xeito directo unhas 10.000 persoas (datos de 2002), que poden ver comprometido o seu medio de vida pola promoción dunha actividade –a macroacuicultura industrial en terra- altamente contaminante e que só produce o 1,2% do total e cría o 5% do emprego do sector. Alén de carecer de medidas para reducir o efecto dos seus vertidos, nos estudos de impacto ambiental das macroplantas non se avalían as afeccións que producen os centos de millóns de m3 de augas contaminadas sobre a vida mariña e os bancos marisqueiros. Dende ADEGA preguntámonos a quen beneficia un plano acuícola que bendice a expansión da acuicultura industrial, un sector minoritario en emprego e producción, a costa de poñer en risco a riqueza pesqueira marisqueira da nosa costa. É o coidado dos nosos recursos naturais, unido á promoción e ordeamento do sector pesqueiro e marisqueiro tradicional, o que debería concentrar os esforzos da consellería e non os intereses das transnacionais do peixe de cemento.