O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) solicita a Xunta que, aproveitando a recente reforma da Lei da Función Pública, cree unha categoría profesional para o cento de postos de traballo de xornalistas nos departamentos do Goberno Galego e así transformalos en postos de traballo estábeis.
Na actualidade, a contratación ou despido destes traballadores depende exclusivamente da decisión do dirixente político de turno. Isto provoca certa dependencia dos xornalistas que traballan nos gabinetes da Xunta respecto ás formacións políticas, o que facilita aos partidos o control da información que dende a administración pública se facilita a medios e cidadáns.
Polo contrario, de crearse unha categoría para estabilizar estes postos -como propón o SXG- os xornalistas poderían ser contratados en función a súa experiencia, formación e, sobre todo, á marxe de supostas filiacións partidarias. En consecuencia, aumentaría a transparencia da información que dende a Xunta se verte aos medios.
Na estabilización destes postos de traballo, o Sindicato de Xornalistas non considera imprescindíbel que a Xunta cree unha categoría de funcionarios. Iso si, os contratos laborais deberían ter sempre unha duración maior aos catro anos, nos que usualmente hai eleccións autonómicas, para aumentar a independencia dos traballadores.
Fin das seleccións “a dedo”
O SXG recorda a PSdG e BNG que, cando estaban na oposición, protestaban no Parlamento de Galicia contra o Goberno do PP polo gran número de xornalistas contratados “a dedo”. Socialistas e nacionalistas argumentaban que, de ser necesarios tantos informadores, estes debían ser contratados de xeito transparente.
Agora que PSdG e BNG ocupan o poder en San Caetano tócalles aplicar as súas propostas. O Sindicato entende que a reforma da Lei da Función Pública constitúe a mellor oportunidade para elo.