Manifesto conxunto de todas as organizacións:
A MILLOR PISCIFATORÍA, OS MARES DE RIBEIRA Como afectará a piscifactoría de Quilmas aos seus veciños A franxa costeira do municipio de Carnota, e en concreto de Quilmas, é un dos poucos lugares de Galiza que aínda mantén un
aceptábel estado de conservación e que representa un ecosistema litoral significativo polos seus valores ecolóxicos, culturais e históricos, estreitamente asociados á historia e á cultura da poboación local. Isto é así porque os seu habitantes viviron do aproveitamento dos seus recursos desde tempos inmemoriais ao mesmo tempo que os preservaban para os seus descendentes.
Agora veñen
novos modos de produción. Alleos a nos que non respeitan o noso modo tradicional de ententer o medio. E dicir: Preténdese substituir un modelo sustentábel, que daba vida aos habitantes da zona, por un modelo extractivo que rompe o equilibrio do medio e que é
insustentábel e pon en perigo os nosos postos de traballo e o noso medio ambiente.
Non podemos aceptar a
complicidade da administración con este modelo destructivo que deixa tras de si a nada. Priorizar a iniciativa de un grupo empresarial multinacional, aproveitando subsidios millonarios sen ter en conta a opinión dos usuarios tradicionais de esas terras é un claro exercicio antidemocrático, ao amparo dunha política desarrollista da que só se beneficiarán uns poucos. É unha
nova forma de feudalismo. A poboación local, en un país democrático, está lexitimada mais que ninguén para decidir acerca do futuro dos seus espazos. Ampáranos a Constitución e a xustiza. A forma na que se pretende levar a cabo a ampliación, con utilización fraudulenta das leises, é un
abuso de poder.
A piscifatoría
destrúe a paisaxe de forma brutal. Os valores ecolóxicos de esta franxa litoral foron incluidos na Rede Natura coma un dos espazos valiosos a conservar, sen embargo: a situación da piscifactoría non só afecta a terreos incluidos na Rede, senón que está no lugar mais visible de Quilmas e tamén da ría de Corcubión, afectando, portanto á nosa paisaxe, destruindo á sua imaxe familiar para todos nós.
A Paisaxe forma parte da nosa vida e da nosa identificación co medio. A Paisaxe é a nosa Matria. É o colo e o berce en que nos arrolamos de pequenos e ao que volta a nosa mente cando estamos asustados e perdidos. É o referente das nosas tristuras e alegrías. A paisaxe é o noso recurso inmaterial e afectivo. Por iso negámonos a que destrúan a nosa paisaxe, sustituíndoa pola xeometría circular e monótona das balsas de cría de peixe a grande escala e coas pistas que feren as terras de xeito insensíbel.
A piscifatoría
destrúe tamén o patrimonio cultural mais importante de Quilmas. A fins do século XVIII, o porto de Quilmas era un dos máis importantes lugares de producción de conservas de peixe con 3 fábricas de salazóns. Hoxe consérvanse restos de estes almacéns e un conxunto de casetas de pescadores dos séculos XVIII e XIX que constitúen unha auténtica xoia patrimonial, un conxunto único en Galicia, e que forman parte da historia deste País. Isto vai ser arrasado pola proximidade das instalacións da piscifatoría e os accesos previstos que atravesan o conxunto. Para esta ampliación vanse sacar toneladas de terra xerando entullos que producirán unha escombreira, tal como fixeron coa actual instalación. Invadirán e destruirán os camiños e sendas veciñais como fixeron na actual piscifatoría ca que ademáis destruiron un espazo húmedo e as árbores que o limitaban: a lagoa do porto de Quilmas e coa máxima impunidade.
A piscifatoría
contamina o mar de forma calada pero moi agresiva. As piscifactorías elixen os lugares de costa mais rica e menos contaminada para establecer as súas industrias. Estudian ben, antes de instalalas, o potencial das augas, as ondas e todas as demáis condicións. Nestes lugares singulares produce
vertidos sen control de residuos contaminantes, incluso tóxicos, con alta carga orgánica (que precisan para alimentar aos peixes), hormonas (que precisan para o engorde), antibióticos e produtos químicos desinfectantes (que precisan para evitar as enfermidades dos peixes). ADEGA ten demostrado que os efluentes das piscifatorías non cumpren as normativas en termos de contaminación, encontrándose nos seus esgotos todos os valores dos indicadores ambientais extremamente desplazados, especialmente na de Quilmas.
Isto foi denunciado á Conselleria de Pesca, xunto coas alegacións feitas ao recente Plano Sectorial de Piscifatorías. Unha elevada contaminación dos espazos mariños naturais. Cerca do 85 % do fósforo, un 80-88 % do carbono e un 52-95 % do nitróxeno utilizado pasa ó mar directamente producindo unha importante alteración dos fondos mariños no radio dun kilómetro mar adentro como mínimo.
Enfermidades nos peixes e mariscos da zona (morren moitos peixes da piscifactoría e os residuos dos mortos acaba no mar xunto cos produtos en que se destrúen).
Hai tamén competencia coa biodiversidade da zona: un estudo levado a cabo polo Centro de Investigación da Pesca dos EEUU, descubríu que as especies introducidas contribúen a eliminar o 68% de las especies nativas. Persiste o perigo de
manipulación xenética, pois a rentabilidade a curtos prazos esixe criar mais rápido e maiores peixes, ou inovacións para facer os produtos mais atractivos para o mercado. hai unha forte agresión ao conxunto oceánico: as fariñas con que se alimentan os peixes fabrícanse a custo de muitas toneladas de cardumens e peixes de baixo valor comercial que provoca a extracción de especies sen control. Esto deixa os fundos biolóxicos dos oceanos fortemente danados, pondo en causa o seu futuro.
As piscifatorías teñen un
impacto económico negativo para os lugares nos que se instalan. Son competitivas con calquera outra actividade alternativa como a pesca tradicional, a agricultura ecolóxica ou o desenvolvemento do turismo. Os solares e as propias vivendas deprécianse nun momento en que hai un gran impulso económico na zona. Os veciños non reciben ningunha compensación polo impacto negativo indirecto sobre os bens non ocupados pero moi afectados no seu valor. Ameazan de expropiación forzosa, como si se tratara de unha obra de gran interese e necesidade para a poboación. Os propietarios reciben unha miserábel compensación económica polos terreos ocupados. A empresa de piscifatoría paga os impostos fóra mentras os de Quilmas sofren as consecuencias negativas.
A
xeración de emprego é moi baixa e ao cabo destrúense máis postos de traballo dos que crea. No total en Galiza, só hai uns 270 postos de traballo nas piscifatorías, segundo datos do propio Cluster da Acuicultura.
Os produtos naturais serán cada vez máis cotizados e os de piscifatoría menos. Os produtos naturais poderían ser de todos, pero os das piscifactorías serán duns poucos, que viven lonxe de aquí. Utilizando fondos públicos das subencións cumpren a máxima que vimos denunciando repetidamente
“privatizar beneficios, e socializar as perdas”.
A piscifactoría
afecta á calidade de vida dos habitantes da zona, porque: haberá contaminación acústica xerada polos seus potentes motores. Pola noite no lugar vez de oír o son do mar, ouviranse os motores da piscifatoría. Proliferarán especies agresivas, e carroñeiras como as gaivotas: se pola noite imos oír os motores polo día sumaranse ao concerto os camións que presten servicio á piscifatoría e as gaivotas que se aproximarán cada vez mais ás casas.
Haberá
perigo para a súde pública polo uso masivo de antibióticos, hormonas e desinfectantes, que, como sabemos, vertemn logo ao mar. A inxesta indiscriminada de antibióticos pode favorecer a microrganismos patóxenos resistentes aos tratamentos.
Non debemos consentir un “progreso” que confronte duas formas vida. Debemos esixir que estas sexan compatibles. Non estamos en contra de cultivar o mar. Pero cómpre gardalo e conservalo para nós e os nosos descendentes, optimizando os seus recursos. Hai maneiras de facelo. Sabémolo facer de xeito sustentábel como ben demostramos. Saberemos explotalo tamén inovando as nosas técnicas de xeito respetuoso e perdurábel. Rentabilizando o seu potencial dentro dos límites que impón o ecosistema. Tal como recomendan as normativas europeas como o convenio OSPAR recentemento refrendado polo estado español (loita contra a contaminación e conservación dos ecosistemas no Atlántico Norte).
O futuro queda hipotecado: si se accede ás peticións actuais de ampliación increméntase a incertidume ante potenciales novas propostas: Cántas novas ampliacións, modificacións de ese entorno se van a producir e cántas poderemos evitar? Cántas infraestruturas de apoio á planta acuícola se van a instalar? Acaso os accesos e outros elementos complementarios da planta non aumentarán os impactos en un tempo relativamente curto? Si agora a disculpa é que xa existe unha instalación, cando esta sexa máis grande, qué quererán facer?
A mellor piscifactoría é a propia costa, que podería ser aproveitada para xerar riqueza para os que viven hoxe aquí e para xeracións futuras. Coa súa destrucción gañan as empresas alleas a nós e perdemos todos.