O goberno español rexeita a proposta do BNG para unha rede de proximidade. Por outro lado, o ministro asegura que cavila a supresión de liñas cunha ocupación menor ao 15%.
Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG
Un estudo para a mellora da funcionalidade da explotación do Eixo Atlántico foi o único compromiso exposto esta terza feira polo ministro de Fomento con respecto á rede ferroviaria galega. Respondía Xosé Blanco á interpelación do senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza.
Pérez Bouza interrogárao sobre o futuro dos servizos ferroviarios galegos de media distancia, subliñando a preocupación en Galiza logo das declaracións do ministro sobre a necesidade de pechar servizos presuntamente "deficitarios". De paso, o senador do BNG instaba o ministerio a comprometerse co despregue de servizos ferroviarios de proximidade. Segundo a análise do representante do Bloque, a avaliación de Fomento é estritamente "economicista" sen ter en conta "factores sociais ou ambientais".
Baixa calidade dos servizos
"Anímolle a facer un estudo rigoroso que con toda seguridade concluiría que o problema está na baixa calidade dos servizos que se prestan", argumentou Bouza. "Falo das frecuencias horarias inapropiadas ou do pouco confort posto que en moitos destes trens nin sequera se pode enchufar o ordenador, ou de prezos pouco competitivos", explicou. "Como comprenderá con esas condicións é imposíbel que o tren sexa atractivo", concluíu o senador do BNG.
Ao fío, o ministro Xosé Blanco debullou o que o seu departamento entende por liña "deficitaria". Desete xeito, e dados os 31 servizos ferroviarios que, segundo Renfe, son deficitarios economicamente, Blanco precisou que en principio Fomento cavila a supresión daqueles cun nivel de ocupación por baixo do 15%, sendo que deste tipo só unha liña está en Galiza no gume do 14%. "Non abondo con AVE", insistiulle o voceiro do Bloque no Senado, apelando á "débeda histórica" do Estado con Galiza en materia ferroviaria.