Os concellos de Port de la Selva e Vilafranca del Penedès aproban mocións contra a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut catalán.
Son os primeiros pero previsibelmente non serán os últimos. Port de la Selva e Vilafranca del Penedès aprobaron unha moción contra a sentenza do Tribunal Constitucional na que cada un destes municipios se declara "moralmente excluído do ámbito da constitución española". No primeiro caso, a moción avalouna a formación que goberna o municipio, CiU, co apoio de ERC. No Penedès foi presentada pola CUP e saíu adiante cos votos de CiU, ERC e ICV.
De xeito específico, a declaración expón que "as aspiracións de autogoberno da nación catalá non teñen cabida no ordenamento xurídico español" e engade que "a reforma da constitución española co obxectivo de facer posíbel o encaixe das aspiracións de autogoberno catalás certifícase como unha quimera de todo punto imposíbel". Nese sentido, chaman a "cuestionar a soberanía española sobre Cataluña".
Recomendámoslles ampliar no diario Vilaweb.