Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ALCALDÍA SEGUIRÁ EN MANS DO BNG

O PSdeG desbota apoiar unha moción de censura en Ribadeo

Nun comunicado, informa de que o edil do que se especulaba que podería dar o seu apoio ao PPdeG, Ramón López, manterá a posición oficial dos socialistas.

Redacción - 11:50 11/06/2010
Suárez Barcia (BNG) continuará de alcalde o que lle resta de mandato

Suárez Barcia (BNG) continuará de alcalde o que lle resta de mandato

Fernando Suárez Barcia (BNG) continuará como alcalde de Ribadeo durante o que lle resta de mandato. O ruxerruxe de moción de censura que se estendera nos pasados días despois de que o rexedor non superase unha moción de confianza vencellada aos orzamentos municipais, esgótase da man dos socialistas.

O custe político que puidera ter este movemento político é maior que os réditos que puidera reportar, tal e como apuntaba o portavoz do grupo municipal socialista, Balbino Pérez Vacas, a Vieiros hai tres semanas. Daquela Vacas aseguraba que, se ben o PSdeG non apoiaría unha moción, non podía desbotar a posibilidade de que algún edil socialista mudase o seu voto. As especulacións tiñan motivos e apuntaban ao edil socialista Ramón López. Porén, nun comunicado feito público polo grupo municipal, descartan agora esta posibilidade. O texto aclara que López “manterá a posición oficial do PSOE, como militante histórico e absolutamente fiel”.

Acusacións cruzadas
Ademais, dirixen as súas críticas contra o PPdeG, dos que din que “nunca tiveron intención de desbancar da alcaldía ao BNG”. Pola súa parte, os populares, da man do seu portavoz municipal, Xosé Carlos Rodríguez Andina, acusaron os socialistas de “falta de seriedade” e cualificou como “ridículo” o papel xogado tanto pola agrupación socialista como polo propio Ramón Lopez, a quen acusan de enganar os ribadenses.

Sexa como for, o claro a día de hoxe é que os posicionamentos de BNG e PSdeG están máis enfrontados ca nunca: dende as filas socialistas xa se afirma abertamente que os nacionalistas manteñen un pacto a nivel local co PPdeG, un acordo que lles tería axudado a gobernar até o de agora e do que quixeron escenificar unha falsa ruptura con todo o proceso da moción de confianza. Así as cousas, coas eleccións municipais ás portas, os achegamentos entre unhas e outras formacións políticas tórnanse imposíbeis, o que previsibelmente dificultará os próximos meses de goberno.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: