Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémico suceso en Tui

Cancelas á 'retranca' na inspección educativa

A CIG-Ensino denuncia a presión para a retirada dun boletín dun centro tudense que incluía unha chanza gráfica sobre a lingua tirada da revista Retranca.

Redacción - 18:05 01/06/2010

A reprodución dunha viñeta alusiva ás "inclinacións anglófilas" do presidente da Xunta, feita pública na revista de humor Retranca e incluída no boletín do Equipo de Normalización Lingüística do CEIP de Randufe, en Tui, acendeu a polémica na comunidade educativa.

O debuxo, crítico co decretazo sobre a lingua no ensino, ocupou o espazo da contraportada do boletín elaborado polo equipo de normalización da escola de Tui. Así, e malia ser aprobado inicialmente pola dirección do centro, distribuído e exposto no taboleiro, a queixa concreta dun pai motivou que o director, de xeito unilateral, decidise retirar o boletín.

O suceso motivou que a xunta de persoal docente de Pontevedra, a proposta de CIG-Ensino, reprobase a actuación do citado director, en defensa da publicación do equipo de normalización tudense e en favor da liberdade de cátedra. A xunta subliña tamén o amparo ao dereito da comunidade escolar de recibir libremente información veraz "por calquera medio de difusión" e á vez esixe que se repoña o boletín.

Presión da inspección educativa
O malestar da comunidade educativa aumentou cando ao mesmo tempo se coñecía a comunicación enviada por un inspector da Consellaría de Educación, Xosé Antonio Fraga Boullosa, quen lle esixe ao director que tome medidas de todo o que entenda como "contrario ao ordenamento jurídico". Unha chamada á censura que para a CIG é un convite á "persecución e ao autoritarismo" de quen, recordan, "foi Delegado de Educación de Pontevedra nomeado polo Partido Popular". Lembran ademais que, durante o seu mandato, "colleitou numerosas críticas e peticións de dimisión pola súa actitude ditatorial e por mostrar clara preferencia por quen compartía súas ideas".


4,47/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: