Carlos Negreira, Corina Porro, Rosendo Fernández, Xaime Castiñeira, Conde Roa, Telmo Martín e Xosé Manuel Rey Varela, serán os candidatos das sete cidades.
Os comités locais 'populares' das sete principais do país xa decidiron a quen queren á fronte das candidaturas municipais: Corina Porro (Vigo); Carlos Negreira (A Coruña); Rosendo Fernández (Ourense); Xaime Castiñeira (Lugo); Xerardo Conde Roa (Compostela); Telmo Martín (Pontevedra); e Xosé Manuel Rey Varela (Ferrol).
A dirección do Partido Popular ten como reto recuperar alcaldías urbanas (non goberna ningunha das sete cidades), consolidar o voto en vilas e pequenos municipios e lograr así sacarlle a PSdeG e BNG as deputacións da Coruña e Lugo, os obxectivos máis desexados dos conservadores.
Tres novidades: Ourense, Lugo e Ferrol
En Ourense, o 'baltarismo' gañoulle o pulso aos de Feijoo na cidade e impuxo a Rosendo Fernández. Médico de profesión e deputado no Parlamento, foi, entre outros cargos, alcalde da Merca (1987-1996) e subdelegado do goberno español en Ourense (2000-2004).
En Lugo, o novo cabeza de lista, Xaime Castiñeira é un home de toda a confianza do presidente provincial do partido, Xosé Manuel Barreiro. Este arquitecto técnico de profesión foi un dos nome que soou o ano pasado para presidir Sogama.
En Ferrol o PPdeG aposta pola xuventude. Xosé Manuel Rey Varela, de 34 anos de idade, será o candidato. Licenciado en Dereito, foi presidente local de Novas Xeracións e ten experiencia como edil dende 2002.