Os populares defenden a necesidade destas institucións e consideran que cumpren "un papel primordial" na actual situación de crise.
Antonio Rodriguez Miranda
"Implicaría unha infracción pura e simple do disposto nos artigos 137, 141 e 142 da Constitución". Así o concluía esta terza feira o voceiro en materia de Administración Pública do grupo parlamentario do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, ao respecto da proposta achegada polo BNG sobre as deputacións provinciais. Entende o deputado ourensán que os nacionalistas demandane que na organización e regulación dos entes meta man a Xunta "obrigando o Estado a abandonar as súas responsabilidades como garante na normativa básica nesta materia".
Con todo, alén de verlle cancela burocrática á proposta, Rodríguez Miranda insistiu en que as deputacións provinciais son necesarias porque se encargan "non só de completar e mellorar os servizos alí onde non cheguen os municipios de menor capacidade económica, senón tamén de vixiar para acadar unha distribución ordenada das posibilidades e recursos". Para o voceiro este martes do PP, no actual contexto de crise "é o momento de apostar por elas como auténticas redes de protección dos concellos con menos posibilidades financeiras e técnicas". Por outra parte, Miranda chamou a agardar a que o goberno español deseñe un novo marco xeral para o eido local en todo o Estado, rexido até o de agora pola Lei de Bases de Réxime Local, antes de que a Xunta afronte iniciativas propias no ámbito da administración municipal e provincial.