Os socialistas tamén lle propoñen á Xunta suprimir os 'superdelegados', advertindo de que son "un fiasco" que custa 2 millóns adicionais.
"Este é o momento da austeridade con maiúsculas, e agora xa non vale a austeridade cosmética á que o PP nos ten sometidos en Galiza, nin os xogos cos coches". Eran palabras este xoves do secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, en alusión directa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. "É o momento da responsabilidade e de dar proba real de que nos comprometemos todos", insistiu Pachi Vázquez, avanzando que o PSdeG "dará exemplo e todos os gobernos municipais e deputacións" adoptando "de xeito inmediato" o decreto que aprobará o goberno español. Doutra banda, Vázquez anunciou que o seu partido vai propoñer a maiores un recorte nos salarios dos parlamentarios galegos.
Durante esta mesma quinta feira, o viceportavoz do grupo parlamentario do PSdeG, Xosé Manuel Lage Tuñas, anunciou unha interpelación na Cámara ao respecto da figura dos superdelegados. "A administración periférica da Xunta de Galicia é un fiasco xa que nin é máis próxima nin é máis áxil, e ten un custo adicional de case dous millóns de euros sobre a que existía en gobernos anteriores", avaliou Lage Tuñas. Por este motivo, os socialistas rexistran unha iniciativa coa que queren botar luz e "desenmascarar" a estrutura creada polo equipo de Alberto Núñez Feijoo arredor dos chamados "superdelegados e xefes territoriais". Un sistema que, denuncia o PSdeG, está aumentando o gasto corrente "sen que teña suposto ningunha mellora na proximidade da Xunta aos cidadáns".
Ao respecto, teimou Lage en que se trata en realidade de "comisarios políticos" para o control da asignación de subvencións e convenios aos concellos da súa mesma cor política, "como ben saben moitos alcaldes dos concellos galegos”.