"É un día para estar contentos", afirma o líder dos socialistas, quen valora que se produciu un acordo froito do "diálogo, o consenso e o equilibrio social, territorial e económico".
"Alguén nos debe unha desculpa aos socialistas galegos", afirmou esta terza feira o secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, denunciando que o seu partido fora cualificado de "inimigo da fusión" e insistindo en que "se a lei de caixas estivera en vigor a fusión sería hoxe imposíbel".
"Este acordo demostra o acertado da vía do diálogo, o consenso, o aval do Banco de España e o equilibrio social, territorial e económico", defendeu, argumentando que se trata da estratexia que a súa formación avalou "desde o principio" e advertindo de que tería sido "incompatíbel coa lei de caixas de Feijoo". Na opinión de Pachi Vázquez a fusión será posíbel porque a lei de caixas "está nun caixón do Tribunal Constitucional". "Non tería lugar de ter sido aprobada e en vigor, tal e como quería Feijoo", advertiu o líder socialista. Nesa liña, Vázquez entende que a Xunta "rectificou o seu camiño de confrontación inicial para apostar agora polo consenso".
Por outra banda, o secretario xeral do PSdeG felicitou as entidades e agradeceu "o esforzo" que, na súa opinión, "xunto co de concellos e grupos políticos" fará conseguir unha fusión "equilibrada" da que xurdirá unha caixa "querida por todos os galegos" e "avalada e aceptada unanimemente por todos os socialistas galegos".