Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O galego no ensino

Educación 'ameaza' con facer a consulta aos pais xa este curso

O conselleiro Xesús Vázquez considera que a Xunta está "a tempo", aínda que "todo dependerá" do informe do Consello Consultivo sobre o 'decretazo'.

Redacción - 18:45 28/04/2010

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, considerou que a Administración está "a tempo" de realizar a consulta aos pais sobre o idioma das materias durante este curso. No entanto, matizou que "todo dependerá" do informe do Consello Consultivo, que neste momento está a avaliar o proxecto de decreto do plurilingüismo, popularmente coñecido como 'decretazo'.

Asegurou, neste senso, que a "única novidade" é que o seu departamento está "agardando ese informe" para "actuar e dar o seguinte paso". "Aínda falta maio e xuño" para dar avances nesta materia. "Entendemos que estamos a tempo", dixo. En conferencia de prensa para avaliar o seu primeiro ano no cargo, Vázquez Abad reiterou a súa intención de que o decreto, rexeitado na Mesa Sectorial e no Consello Escolar, se aplique xa "no próximo curso 2010-2011".

Nesta liña e unha vez aprobado, Educación impulsará "en próximas semanas" o Plan de Plurilingüismo de "potenciación" de linguas estranxeiras. "Entendemos que Galiza perdeu un tren e ese tren haino que coller canto antes e cómpre dar pasos axiña", sinalou.

Preguntado sobre a non convocatoria de determinados programas de intercambios lingüísticos no estranxeiro, Vázquez vinculou a decisión a que o seu departamento impulsou "novas medidas" e actividades "máis eficientes" para a formación en linguas. Por iso, recordou que o Goberno ten que administrar "unhas contías" e actuar "con pasos firmes e decididos" á procura da "eficiencia", logo de asegurar que a súa "aposta polo plurilingüismo é decidida".

Rexeitamento á "imposición"
Preguntado sobre como se fomentará o uso do galego ante a posibilidade de que só se utilice nesa materia, o titular de Educación rexeitou "impor o 100% como lingua vehicular" e recordou que "a sociedade rexeitou ese modelo", que "non deu froito para que os mozos falen máis en galego".

"Entendemos que ter o apoio de catro sindicatos, de moitas ANPAs, de centros públicos, de todos os pais da concertada, de todos os centros privados e concertados de Galiza, así como recoñecidas persoas de prestixio mesmo dentro do propio Consello Escolar, evidentemente, responde e así o asume a poboación a unha realidade e a un apoio maioritario de toda a sociedade", explicou.

Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que tamén estivo presente no acto, recordou que ademais do "criterio de liberdade" que inclúe o decreto, intentarase fomentar o uso "da lingua en que se imparta a materia" e potenciarase o galego "nas actividades extraacadémicas". "O tema fica cuberto dun xeito moi satisfactorio", concluíu.


1,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: