A pasada fin de semana desenvolveuse en Leiria (Portugal) o XXIV Encontro Galego-Portugués de Educadoras e Educadores pola Paz.
A mediación sociopedagóxica foi o tema central do XXIV Encontro Galego-Portugués de Educadoras e Educadores pola Paz, organizado pola Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ) e o grupo de Educadoras/es pola paz de Nova Escola Galega, entre outros, esta fin de semana en Leiria (Portugal).
Un nutrido grupo de profesoras e profesores, nais e pais e estudantes de Portugal e de Galiza participou na xuntanza, "un importante punto de encontro para o intercambio de experiencias educativas", co fin de "conseguir unha escola que forme para o exercicio dunha cidadanía solidaria e responsábel", segundo os organizadores.
Os presentes analizaron o papel dos axentes e das institucións sociocomunitarias na educación e as posíbeis relacións coa escola, así como formas concretas da intervención en diferentes situacións como os ambientes socialmente desfavorecidos, a relación social interxeracional, a educación multicultural ou a igualdade de xénero.
Entre as conclusións, constatouse que "só a intervención educativa -sobre todo cando os condicionantes sociais e económicos actúan en contra- pode lograr que o camiño cara a un mundo máis xusto deixe de ser unha quimera".