Aprobada por unanimidade no Senado unha moción do BNG que reclama que a Academia conte cunha partida fixa nos Orzamentos, como as institucións catalá e vasca.
Xosé Manuel Pérez Bouza, autor da moción aprobada por unanimidade
O Senado aprobou este mércores por unanimidade unha moción promovida polo BNG que insta o goberno español a que inclúa unha partida nos Orzamentos Xerais do Estado para financiar a Real Academia Galega, como xa fai coas institucións homólogas das linguas castelá, vasca e catalá.
O autor da iniciativa, Xosé Manuel Pérez Bouza, explicou que é "un pouco sorprendente que mentres a academia vasca e o instituto de estudos cataláns tiña partidas fixas asignadas cada ano nos Orzamentos Xerais do Estado, a RAG non tiña nada parecido". A moción presentouse despois de que o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, sacase o tema.
A aprobación da moción "vai supoñer que a partir de 2011 vai haber unha partida fixa, algo moi positivo porque xa se saberá con antelación con canto vai contar para proxectar actividades para o ano seguinte". Até agora, a RAG "tiña que ir ás convocatorias de axudas xunto con moitas outras institucións por concorrencia competitiva e en función de proxectos", polos que recibía contías moi inferiores.
Aínda que o compromiso é a partir de 2011, "o goberno español vai facer un esforzo para corrixir esa situación xa este ano". A achega que debería recibir a RAG do Estado Español calculou Pérez Bouza que debería de ser de arredor de 750 mil euros, baseándose nos orzamentos de 2010, "entre o que reciben a Euskalzaindia e o Institut d'Estudis Catalans", aínda que dependerá da contía e da situación económica de cada ano. A cantidade teraa que negociar o presidente da Academia "co Ministerio de Educación cando se elaboren os orzamentos", nos meses de verán.
O senador do BNG salientou a boa acollida da proposta por parte do resto dos grupos e dos senadores individuais, que fixo posíbel a aprobación por unanimidade. "Os grupos catalán e vasco entenderon non poñía en dúbida as súas axudas senón que buscabamos a equidade". Ademais, deulle especial valor á aceptación da proposta, non só do Senado, senón tamén por parte do goberno español, polo que confiou "en que se executará".
O texto concreto da moción aprobada é instar o goberno español a "contemplar a inclusión da Real Academia Galega na Partida de Créditos a Reais Academias do Orzamento do Ministerio de Educación, para que, xunto coa española e as institucións análogas catalá e vasca, poida ter as mesmas prerrogativas e dispoñer dunha asignación anual, ao obxecto de poder realizar programacións estábeis e coa seguridade dun financiamento adecuado ao importante labor que realiza".