Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Do 18 ao 21 de marzo

Narón, capital mundial da zanfona

Isabelle Pignol, artista invitada da sexta edición do Encontro coa Zanfona Contemporánea, comparte cartel con Projecto Trépia e Mini e Mero.

Redacción - 12:45 18/03/2010
Isabelle Pignol

Isabelle Pignol

Narón convértese esta semana na capital da zanfona. Por sexta ocasión, desenvólvese na vila de Ferrolterra o encontro internacional arredor do milenario instrumento, esquecido do Camiño de Santiago malia estar no Pórtico da Gloria. Na edición deste ano estará convidada a francesa Isabelle Pignol, unha das poucas mulleres no mundo que compoñen e tocan a zanfona. Compartirá escenario con Mini e Mero e mais Projecto Trépia.

Comezará o xoves 18 cunha sesión didáctica para escolares por Projecto Trépia e Jaime Rebollo, construtor de zanfonas e músico. O día seguinte, ás 20:30, terá lugar un concerto no Pazo da Cultura de Narón con Mini e Mero, pioneiros da zanfona no país, e mais Trépia. Pecharán o evento o dúo Corps Vibrants, formado por Isabelle Pignol e Maxime Bouchet.

Pignol impartirá durante a fin de semana un curso intensivo para zanfonistas, cubrindo así a parte do programa destinada especificamente aos profesionais do instrumento, que cada vez son máis, ademais das actividades para o público en xeral.

Isabelle Pignol, moradora da rúa Galiza en Grenoble, é a intérprete máis destacada da súa xeración, que a primeiros dos 90 revolucionou a zanfona. Corps Vibrants mestura a zanfona electroacústica co baixo de seis cordas, con incursións vocais e efectos sonoros.

Mini e Mero, figuras seminais da canción galega, ofrecerán unha mostra do seu traballo ao longo das últimas catro décadas. Pola súa banda, Projecto Trépia, gañadores do Gzcrea 2008 e premiados no Nsaio 2009, mestura linguaxes escénicas contemporáneas sobre a cultura tradicional.

O Encontro coa Zanfona Contemporánea está producido por aCentral Folque e o Padroado de Cultura do Concello de Narón. Nas anteriores edicións participaron Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea, Gregory Jolivet e os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández.

Isabelle Pignol - Imitation



Projecto Trépia - A roseira



5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: