O ex deputado Anxo Guerreiro considera que non é unha novidade que Emilio Pérez Touriño abandone agora a Cámara, onde "xa non mantiña actividade parlamentaria" e subliña que con seguridade o ex presidente da Xunta "vai seguir tendo voz na sociedade galega".
'Geluco' Guerreiro valora especialmente o labor que Emilio Pérez Touriño desenvolveu na súa etapa á fronte do PSdeG-PSOE. "Fixo un bo traballo, unificou o partido e acabou co lastre das baronías locais, fixo un esforzo moi importante para o reforzo dos socialistas no país e significouse tamén na aposta por unir esquerda e galeguismo", afirma Anxo Guerreiro. "Veremos se o PSdeG é capaz de recoller e manter ese legado ou se involuciona", advirte.
Outra valoración lle merece a Guerreiro o paso de Pérez Touriño polo Goberno. Na súa opinión, o balance positivo de Touriño á fronte do PSdeG-PSOE contrasta co balance de Touriño á fronte do executivo. "Non tivo tanto éxito no Goberno", reflexiona Anxo Guerreiro, para quen Touriño fallou á hora de facer "as reformas estruturais que necesitaba Galiza". "Non foi capaz de impulsar o cambio que pedía o país", analiza, "e deu paso a unha forma de continuismo que decepcionou a boa parte do electorado de esquerda".