Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Veos islámicos integrais

Francia, a un paso de prohibir a 'burqa' e o 'niqab'

Unha comisión parlamentaria recomenda o seu veto en escolas, hospitais, transportes e oficinas estatais.

Redacción - 17:35 26/01/2010
Os distintos tipos de veos (ampliar)

Os distintos tipos de veos (ampliar)

Unha comisión parlamentaria recomendou prohibir o veo islámico integral en administracións e transportes públicos de Francia, onde vive a maior comunidade musulmá de Europa "por ser contrario aos valores da República", aínda que polo momento están pouco estendidos (arredor de dúas mil mulleres en todo o Estado, segundo datos oficiais).

A medida afectaría a burqa -vestimenta tradicional dos pashtúns en Afganistán, que cobre a cabeza e o corpo e ten unha reixa para poder ver- e o niqab, veo completo cunha apertura á altura dos ollos. En 2004 xa se aprobou unha lei que prohibe o uso de "signos relixiosos ostensíbeis" como o veo islámico nos centros de Secundaria.

No seu informe, presentado este martes logo de seis meses de traballo, a comisión formada por 32 deputados de todas as cores políticas, propuxo "a adopción dunha resolución reafirmando os valores republicanos e condenando como contrario a eses valores, o uso do veo integral".

"O veo integral non é aceptábel. É necesario condenalo con firmeza", afirmou o informe da misión presidida polo deputado comunista André Gerin, que impulsou a iniciativa a mediados de 2009, segundo informan medios locais.

Para pór en práctica esa resolución -disposición non vinculante adoptada polo Parlamento- a misión enumerou 18 propostas entre as que figura "unha disposición que prohiba disimular o rostro nas administracións públicas", é dicir escolas, hospitais, transportes e oficinas estatais. As mulleres que non cumpran, serán excluídas das prestacións deses servizos públicos.

Aínda que a maioría dos membros da comisión son favorábeis a prohibir a burqa e o niqab no espazo público, é dicir na rúa, en función dunha noción de "orde pública" por ser unha vestimenta que oculta o rostro, non son unánimes á hora de impulsar unha lei "xeral e absoluta" para proscribila de todo.

Cambios na lexislación
Prohibir o seu uso requiriría de modificacións xurídicas. A comisión propón modificar o código de entrada e residencia en Francia de estranxeiros e do dereito de asilo para "rexeitar a concesión dun permiso de residencia a persoas que manifesten unha práctica radical da súa relixión".

Os lexisladores consideraron que "cómpre reafirmar os valores republicanos de liberdade, igualdade e fraternidade que fundan a nosa convivencia e que se opón a toda forma de integrismo, comunitarismo e sectarismo". Segundo unha enquisa recente, o 62% dos franceses apoian a prohibición da burqa e do niqab en lugares públicos.

O veo islámico integral "é estandarte do salafismo", indicou a comisión en referencia a esa corrente musulmá que reivindica o islam das orixes, practicado por unhas 12 mil persoas en Francia (dunha comunidade de seis millóns de musulmáns), e que deu lugar a certo movementos islamitas radicais. 


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: