Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
DECRETO DO ENSINO

O PPdeG acusa os nacionalistas de "adoutrinar menores" para que secunden a folga

Exíxelles aos directores dos centros que impidan o acceso a "activistas" que repartan "panfletos ou ofrezan charlas políticas".

Redacción - 19:45 19/01/2010

Coa vista posta na folga do ensino que se celebrará o vindeiro xoves, o PPdeG denunciou a través dun comunicado que “persoas afíns á plataforma Queremos Galego, así como militantes activos do BNG” están “levando ao interior dos colexios a súa campaña contra a política lingüística da Xunta”. Do mesmo xeito, alertou do reparto de “panfletos incitando á folga” no interior dalgunhas aulas e cualificou esta actitude como “intolerábel adoutrinamento de menores”.

En concreto, o PPdeG asegura ter constancia de que estes feitos se están a producir nos centros educativos das comarcas do Barbanza, O Deza, A Mariña ou A Costa da Morte. Segundo os populares, o persoal docente está “amedrentando” a algúns dos seus compañeiros para “obrigalos” a que secunden o paro do próximo xoves.

Os populares encadran estas accións nunha “estratexia desesperada” dos organizadores da folga, que “saben que na manifestación do xoves non haberá unha soa persoa máis das que hai 12 meses dicían sentirse moi cómodas co decreto da inmersión lingüística en galego que defendía o bipartito”. Nesa liña, o PPdeG demanda os nacionalistas que non fagan aos alumnos partícipes das súas “inquietudes políticas”, entre as que nomean: “a súa alerxia á liberdade” en materia lingüística, o seu “rexeitamento ao aterraxe do inglés nas aulas” e a súa consideración de que é “intolerábel” que os pais teñan voz na educación dos fillos”.

A oposición pide consenso para desenvolver o Plan Xeral de Normalización
Logo de que o novo borrador das linguas no ensino non conseguise concitar consenso algún, tanto PSdeG como BNG chaman ao acordo tomando como punto de partida o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL).

Dunha banda, os socialistas chaman á creación dunha comisión parlamentaria que elabore unha proposta de desenvolvemento deste texto. “A política faise no Parlamento”, aseguran ao tempo de defenden que “hai que prestar atención á RAG cando pide o inicio dun franco diálogo con vontade de concordia definitiva”. Así, o PSdeG confirma que apoia a folga convocada pola plataforma Queremos Galego para o vindeiro xoves e ofrecen ao presidente da Xunta “falar cando el queira, sempre e cando se estabeleza como punto de partida o PXNL”.

Pola súa parte, o BNG censura que o Goberno iniciase “unha campaña de propaganda e manipulación” para informar sobre o decreto e exixe que se “retiren as bases do borrador”. A deputada Ana Pontón considerou “significativo” que a RAG emitise “por vez primeira” un informe para “reprobar a lexislación contra o noso idioma” e subliñou que os acordos en materia de lingua deben tomar o PXNL como punto de partida e desbotar de prexuízos e ataques á lingua.

O Consello da Cultura segue traballando no seu informe
Na rolda de contactos entre as diferentes organizacións e a Consellaría de Educación este martes foi tamén a quenda do Consello da Cultura Galega. O seu presidente, Ramón Villares, asegurou que esta entidade realizará a súa valoración "unha vez que o plenario emita unha opinión oficial" sobre as bases do decreto, que posibelmente se dará a coñecer entre finais deste mes e comezos de febreiro.

Xa no ámbito asociativo, as organizacións xuvenís Galiza Nova, Xuventudes Socialistas, Esquerda Unida Mocidade, Comités, Iesga e Mocidade pola Normalización Lingüística fixeron un chamamento á participación na folga contra o que consideraron “o maior ataque á normalización” do galego.

Tamén a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (EDNL) alertou de que a aplicación da proposta será “o punto de partida para rematar co galego no ensino, e posteriormente, na sociedade”. Esta entidade realizou un informe no que analiza as bases sobre o modelo lingüístico que atende a unha “perspectiva pedagóxica” e “non en termos políticos” e conclúe que a súa aplicación “vai crear desigualdades no ensino” e un mapa de “centros con ofertas moi diferentes e moi desiguais”, é dicir, “un ensino de varias velocidades”.


1/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O PSdG propón que se debata a cuestión lingüística no Parlamento
O PSdG propón que se debata a cuestión lingüística no Parlamento
O Consello da Cultura Galega fará pública a súa opinión previsibelmente a finais deste mes
O Consello da Cultura Galega fará pública a súa opinión previsibelmente a finais deste mes
O PPdeG acusa os nacionalistas de "repartir panfletos" contra a súa política lingüística
O PPdeG acusa os nacionalistas de "repartir panfletos" contra a súa política lingüística