Unanimidade dos académicos na censura ao borrador presentado pola Xunta.
A Real Academia Galega (RAG) remitiulle este sábado á Xunta un informe "extenso" e "crítico" sobre o borrador do decreto do galego, que fará público o luns.
Segundo un dos seus membros, Víctor Freixanes, todos os seus integrantes acordaron o sábado nunha sesión do plenario, celebrada na sede da institución, non facer público o contido do informe até que o reciba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, "por cortesía". O informe, elaborado por cinco académicos, foi debatido nunha nova sesión do plenario como parte dun proceso iniciado o pasado luns. A práctica totalidade dos membros manifestaron a súa desconformidade co contido do borrador elaborado polo Goberno. En días pasados, o secretario en funcións da institución, Manuel González, xa avanzara que os académicos coinciden nunha posición crítica fronte ao texto deseñado pola Consellaría de Educación.
Outros académicos consultados coinciden en sinalar que se trata dun borrador "regresivo" e "lesivo" para a lingua e considérano un "envoltorio" co que, na práctica, se buscaría reducir a presencia do galego nas aulas. Por outra parte, e dado ese carácter de paso atrás no marco da protección da lingua, integrantes da RAG non descartan que a institución poida presentar un recurso dada a manifesta ilegalidade na que incorrería o texto.