Deberá responder por "abuso de confianza" e "desvío de fondos públicos", en relación a un caso de empregos ficticios cando era alcalde de París.
Jacques Chirac
Jacques Chirac converteuse este venres no primeiro ex xefe de Estado francés que deberá render contas coa Xustiza por un caso de empregos ficticios cando era alcalde de París, un novo escándalo político-xudicial no seo da dereita francesa, informan os medios locais.
Chirac, de 76 anos, que ocupou a primeira maxistratura entre 1995 e 2007 logo de dirixir a alcaldía de París desde 1977, deberá comparecer ante o Tribunal Correccional de París, que xulga delitos penais, por "abuso de confianza" e "desvío de fondos públicos" en relación con "21 supostos empregos ficticios" mentres ocupaba a alcaldía parisiense.
A decisión tomouna a xuíz de instrución Xavière Simeoni, desestimando deste xeito a opinión da Fiscalía de París que concluíra o pasado 29 de setembro que o caso que os cargos non eran suficientes para o xuízo. No entanto, desbotouse a súa imputación por "falsidade en escrituras públicas", que levaría o Chirac ante o Tribunal de Casación.
O fiscal da República, Jean-Claude Marin, podería apelar a decisión, algo pouco probábel. O ex presidente reaccionou rapidamente, asegurando a través dun comunicado que toma "nota desta decisión". "Está sereno e decidido a estabelecer ante o tribunal que ningún dos empregos que se seguen debatendo é un emprego ficticio", engadiu o seu gabinete nun comunicado.
Chirac, que durante os seus anos como presidente da República non podía ser xulgado, foi imputado o 21 de novembro de 2007 por "desvío de fondos públicos" no caso de empregos de favor pagados polo gabinete do alcalde de París, posto que ocupou este entre 1977 a 1995.
A instrución realizada pola maxistrada Simeoni abarca os presuntos empregos ficticios do período entre 1983 a 1998, é dicir, desde o inicio do segundo mandato de Chirac até os tres primeiros anos do seu sucesor no cargo, Jean Tiberi.
Ademais de Chirac, a maxistrada tamén mandou a xuízo a outras nove persoas, dous ex directores de gabinete de Chirac na alcaldía e sete beneficiarios dos supostos empregos ficticios, entre estes, o ex deputado Jean de Gaulle, neto de Charles de Gaulle; François Debré, irmán do actual presidente do Consello Constitucional, e Marc Blondel, ex secretario xeral do sindicato Forza Obreira.
Reaccións
Ao respecto, o portavoz do Partido Socialista, Benoit Hamon, considerou que ver un "ex xefe de Estado ante un tribunal non é a mellor imaxe" do Estado francés. "É simplemente facer xustiza", sostivo o deputado ecoloxista Noel Mamere. O trotskista Olivier Besancenot considerou que o "xuízo do 'supermentireiro'" é tamén o da "inmunidade presidencial", e a gobernamental UMP "lamentou" a "dolorosa proba" para Chirac.
Máis información: