En referencia ao PSC, o líder do PSdeG afirma que non quere entrar “na poza na que se meteron outros”. Aínda así, pídelle a Feijoo unha reforma que aumente o autogoberno.
O líder do PSdeG, Manuel Vázquez, descarta unha reforma estatutaria que inclúa a definición de Galiza como “nación” porque non quere meterse “na poza na que se meteron outros”, en referencia ao caso catalán. Vázquez foi máis aló e asegurou que “non preciso ver o que pasa en Cataluña porque non vou facer unha fotocopia do modelo catalán”.
Vázquez, que afirma que a súa proposta é lograr para Galiza “o máximo teito competencial dentro do marco constitucional, corrixe en certa maneira ao seu número dous, Pablo García. O silledende afirmou esta mesma semana que o PSdeG non ía ter problema en aceptar a definición de “nación” para Galiza se o Tribunal Constitucional a admitía en Cataluña.
Segundo Vázquez, Feijoo está atado por Génova que “non lle deixa falar do Estatuto” e, á mesma vez, botoulle en cara ao presidente que lle dea igual que a comunidade “vaia mal no debate de competencias ou de finaciamento autonómico e que os dereitos dos galegos sexan menores que os dos cidadáns con novos estatutos”, afirmou referíndose ás declaracións do presidente.