Os redondeláns impuxéronse na súa quenda ao Clube de Remo Cabo de Cruz, e convértense nos primeiros líderes dunha competición que constará de 16 xornadas.
O Clube de Remo Chapela impúxose o pasado sábado na primeira proba da Liga Galega de Traíñas, que se disputou en Esteiro. Os de Redondela gañaron a IV Bandeira Concello de Muros ao impoñerse na súa quenda ao Clube de Remo Cabo de Cruz por unha diferenza de cinco segundos, por mor dunha espectacular remontada no tramo final. A competición disputouse en tres quendas sobre o mesmo percorrido, elaborándose despois a clasificación xeral en base aos tempos acadados.
A primeira quenda foi a máis rápida, e iso permitiu que Cabo de Cruz rematara segundo na clasificación xeral. O Clube de Remo Mecos impúxose na segunda quenda, rematando terceiro da xeral a só sete segundos de Chapela. Na terceira carreira impúxose a embarcación do Club Náutico de Vigo colocándose cuarto na clasificación xeral a 15 segundos dos líderes.
Esteiro acolleu o comezo dunha competición que constará de 16 regatas e rematará o 30 de Agosto cunha proba que se celebrará en Vigo. Esta edición da Liga Galega de Traíñas conta coa participación de 14 clubs, malia que en Esteiro os xuíces impediron aos mozos do Amegrove disputar a proba como medida de sanción por non presentarse ao control de fichas previo á competición.