Os sindicatos CIG, UXT, CCOO, CSIF e SPJ-USO volven xuntarse nunha plataforma para demandar unha mesa sectorial e medidas urxentes para modernizar o sector.
Esta cuarta feira a plataforma de sindicatos da administración de xustiza de Galiza, que segundo contan os seus integrantes, representa o cento por cento dos traballadores deste sector, denunciou, máis unha vez, "a situación moi preocupante que se vive" e o "colapso absoluto" que impera nunha administración "xa de por si viciada". Alén disto, denunciaron a "falta de compromiso" do Goberno do PPdeG, ao non crear, tal e como prometían no programa electoral, unha Consellaría de Xustiza.
Neste sentido, os representantes de CIG, UXT, CCOO, CSIF e SPX-USO, centrais sindicais que se xuntan nesta plataforma, demandaron a un tempo medidas de choque inmediatas para paliar o dano que a crise está a facer nun sector xa desestruturado; reforzos e novas contratacións ou melloras das condicións do cadro de traballadores; a introdución, canto antes, de novas tecnoloxías; e a mellora e centralización dos predios administrativos.
A plataforma, que xa estaba operativa co goberno bipartito, volve, unha vez máis, demandar a creación dunha consellería propia de Xustiza, e denunciou a "falta de compromiso do novo Goberno", co que se reiteran as eivas estruturais de décadas.
"A crise dana de xeito "moi preocupante" unha xustiza "xa de por si moi viciada"
Comezou falando o representante de CCOO, Pablo Baleiras, quen sinalou que a crise está a danar de maneira "moi preocupante" a administración de xustiza, "xa de por si moi viciada". "Os procesos xudiciais multiplicáronse en 2008 nos Xulgados Mercantís -os que levan os concursos de acredores das empresas-, nos do Social -que acostuman levar os problemas laborais, os despedimentos e as sancións-, e nos Rexistros Civís", sinalou Baleira, lembrando que nestes últimos o problema vén motivado pola falla da informatización do sistema e polas modificacións lexislativas.
Alén disto, os sindicalistas criticaron que nos Xulgados do Penal segue habendo "as mesas carencias que hai dous anos", ao non existir interconexión entre eles; porque non se "cobren as baixas de persoal", e porque non se atenden ao cento por cento as mudanzas lexislativas, "como o código penal, o relacionado cos xuízos rápidos ou as sancións de tráfico". Tamén se falou dos Xulgados de Violencia de Xénero que son, segundo as plataforma sindical, "insuficientes", e froito "non dunha medida progresista, senón propagandística, xa que non se aposta por facilitar os medios necesarios para traballar neste eido aos funcionarios, nin se lles dá a formación precisa".
"Non houbo unha aposta real pola moi necesaria modernización informática"
Os sindicatos tamén denunciaron o "pouco tino" da Xunta á hora de modernizar a xustiza, sinalando que, coas mudanzas que se fixeron "aquilo que había ser unha solución, converteuse nun problema". Así, criticaron que a subdirección xeral encargada de modernizar os procesos e aplicacións informáticas que habían liberar de carga de traballo os funcionarios, actuou de maneira "incompetente", empregando programas informáticos comprados ao Ministerio de Xustiza -e non propios como teñen en Euskadi, Cataluña ou Andalucía, por exemplo-, ou facendo, mediante estraños contratos, que os funcionarios de Xustiza se dediquen a axudar a outras administracións.
Neste sentido, denunciaron a existencia dalgúns programas "compartidos", que obrigan os traballadores da xustiza "a facerlle o traballo a Correos". Alén disto, sancionaron o "reparto de claves para entrar en varios rexistros administrativos, como o de Facenda ou a Seguridade Social, entre os funcionarios de Xustiza", que fai "moito máis vulnerábel o sistema". "Hai funcionarios que mesmo manexan seis claves, para acceder a diversas bases de datos, sen ter un coñecemento previo", realizando o labor dos secretarios de Xulgado.
A necesidade de crear novos órganos xudiciais e aumentar o número de traballadores
Na súa quenda, o representante de UXT na plataforma, Manuel González Carbajal, falou da necesidade de crear novos órganos xudiciais, demais de aumentar o cadro de persoal, "a través da comisión de transferencias", en colaboración do Ministerio de Xustiza, e non directamente dende a Xunta, xa que así "aforraríanse cartos".
Neste sentido, tamén se criticou a existencia de edificios xudiciais "obsoletos", que non poden acoller toda a carga de traballo que existe.
Acusan ao subdirector de Medios da Administración de Xustiza coacción e ameazas, e piden o seu cese
Polo seu lado, o representante do CSIF, Manuel Díaz Mato; e o da CIG, Edelmiro Durán, afondaron nas súas críticas á Subdirección Xeral de Medios da Administración de Xustiza, que dirixe Miguel Formoso, denunciando coaccións e ameazas aos traballadores.
Neste sentido, sinalaron que "dende hai catro meses", Formoso "comezou a obrar dun xeito abusivo", decretando o obrigatoriedade de que todos os funcionarios teñen un certificado de sinatura electrónica de seu, algo que só é obrigatorio para os secretarios dos Xulgados. Con este sistema, segundo denunciou a plataforma, os secretarios "eluden responsabilidades", que collerían os funcionarios. Mais, alén disto, a administración viola a intimidade dos seus traballadores, pedíndolles un documento privado "para poñelo ao dispor da administración, ameazando con tomar medidas que poderían repercutir sobre eles, no caso de non facelo". "É coma se me obrigasen a traer a tarxeta do banco ao traballo, para poñela ao dispor da administración de xustiza", sinalou Díaz Mato, "pídennos que sexamos nós mesmos os que aportemos as ferramentas precisas, cando xa facemos abondo con soportas as altas cargas de traballo que temos", recalcaron.
Nesta liña, os sindicalistas tamén denunciaron que o propio Formoso se tiña reunidos cos secretarios de xulgado para darlles "as instrucións de que, no caso de haber funcionarios que se neguen a pedir este certificado, se abra o expediente disciplinario correspondente". Neste sentido, tamén acusaron a Formoso de "vulnerar a negociación colectiva", ao obviar "sistematicamente" os sindicatos nos oito anos que leva no cargo. "Cando se conforme a mesa sectorial, ímoslle pedir ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, o cese fulminante do señor Miguel Formoso" porque, segundo dixeron, "non é un interlocutor válido".