Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Desinterese polos asuntos da UE

Só un de cada catro cidadáns sabe a data das eleccións europeas

O CIS tamén fai prognóstico para o 7X: 23 escanos para PSOE e PP, 2 para Coalición por Europa, 1 para IU e 1 para Europa dos Pobos.     

Redacción - 18:10 21/05/2009

Lixeira vantaxe para o PSOE segundo o avance feito público este xoves polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) ao respecto das próximas eleccións europeas. Os socialistas apañarían no conxunto do Estado o 42,8% do voto, seis décimas máis que o PP, malia que de todas formas os dous partidos obterían igual número de escanos: 23 en cada un dos casos.   

 
Atrás deles, a terceira opción entre os cidadáns sería a alianza Coalición por Europa, que une CiU, PNV e Coalición Canaria, que co 5,1% de sufraxios conseguiría dous asentos no Parlamento Europeo. O terceiro lugar é para a coalición Europa dos Pobos-Verdes, integrada por BNG, ERC, Aralar, Eusko Alkartasuna e a Chunta Aragonesista, que sumarían o 3,6% dos votos a nivel estatal, obtendo así un representante na Eurocámara. Lembrámoslles que isto garantiría a presenza da cabeza de lista do BNG para estes comicios, Ana Miranda, xa que esta coalición repartiría o período de representación en relación ao cómputo de votos. A cuarta opción en apoios é IU-ICV, que chegaría ao 3,1% do voto, sentando tamén un deputado na Cámara europea. En quinto lugar, aparece a formación UPyD, que co 1,3% de papeletas non obtería escano.   
 
Descoñecemento e desinterese entre a cidadanía
Alén da tradicional estimación de voto, o CIS realiza unha análise polo miúdo das perspectivas desde as que enfrontan esta cita coas urnas os cidadáns. Así por exemplo, un dos indicadores ofrecidos sinala que o 70% do electorado di estar "pouco" ou "nada" informado sobre a actualidade relativa á Unión Europea e, de feito, ao 60% do electorado interésalle "pouco" ou "nada" a información relacionada coa UE.      Paradoxalmente, un 73% admite que as decisións tomadas no ámbito das institucións europeas aféctanlle "bastante" ou "moito" ás súas vidas. De paso, aproxímase ao 70% a porcentaxe dos que din estar algo, bastante ou moi a favor da UE. Do mesmo xeito, un 50% dos enquisados considera que no futuro, a Eurocámara influirá aínda máis nas súas vidas, fronte a un 28% que pensa que a cousa seguirá igual que na actualidade.     


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: