Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proceso de ratificación

A República Checa aproba o Tratado de Lisboa

No Senado, por unha maioría de 54 votos a 20, e cinco abstencións. O Tratado enfrontarase agora a última proba: o referendo en Irlanda, a desenvolver o vindeiro outono.

Redacción - 08:00 07/05/2009

O Senado checo aprobou esta cuarta feira o Tratado de Lisboa, por unha maioría de 54 votos favorábeis sobre 20 negativos, e cinco abstencións. Esta votación da Cámara alta checa súmase á xa favorábel da Cámara baixa, ámbalas dúas en sintonía coa opinión popular. Porén, o presidente Vaclav Klaus decidiu non ratificar o Tratado até que non chegue o veredicto de Irlanda, que se coñecerá este outono, cando se desenvolva un novo referendo entre a poboación. "Por agora, o Tratado de Lisboa está morto, porque foi rexeitado por un Estado membro", dixo Klaus ao coñecer a noticia chegada do Senado, en referencia á consulta do pasado xuño en Irlanda, que botou para atrás a aprobación final do texto.

A República Checa era o único país dos 27 que aínda non se pronunciara sobre o Tratado de Lisboa, e o debate e a votación no Senado viñan precedidos por un intenso enfrontamento partidista entre o grupo no goberno, encabezado polo liberal Mirek Topolanek, e o principal grupo da oposición, o partido socialdemócrata. A oposición conseguira impoñer o seu camiño europeísta na Cámara Baixa, onde tamén conseguira parar a iniciativa dos liberais de poñer no país o escudo antimisís de Europa. Porén, aínda que os liberais entraron no enfrontamento, tentando parar no Senado o Tratado, defendido polos socialdemócratas, finalmente este aprobouse.

A votación de Praga foi recibida con alivio e ledicia na UE. De feito, o presidente da Comisión Europea, o portugués José Manuel Durão Barroso, quen declarou que "tras esta noticia, o voto irlandés ten moi boas perspectivas".

O Tratado de Lisboa
O Tratado europeo de Lisboa, asinado polos representantes de todos os Estados membros da Unión Europea en Lisboa, o13 de decembro de 2007, é a carta que substitúa a Constitución para Europa estipulada no falido tratado de 2004. De conseguirse a ratificación do texto de 250 páxinas, a UE terá personalidade xurídica propia para asinar acordos internacionais a nivel comunitario.

A decisión final é de Irlanda, mais ao parecer os seus cidadáns e cidadás están máis preocupados coas consecuencias da crise, e ven este Tratado como un asunto menor.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: