Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Os mellores do mundo

Cita viguesa sobre patíns no "mellor Mundial da Historia"

Formalmente presentado esta semana, o 39 Campionato do Mundo de Hóquei celébrase en Vigo e Pontevedra do 4 ao 11 de xullo.

Redacción - 12:00 08/04/2009

Durante unha semana Vigo e Pontevedra serán referente mundial do hóquei a patíns, un deporte cun importante número de seareiros en moitos países. Será ademais o mundial desta especialidade con maior cobertura televisiva da historia, chegando por vez primeira ás pantallas asiáticas. Unha situación que o Concello de Vigo, que este martes fixo presentación formal da cita, quere aproveitar dobremente.

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou en primeiro lugar o "importante retorno económico" que o evento fornecerá para a actividade comercial da cidade. A este respecto, o concelleiro valorou que a cita mundialista terá lugar xusto antes do que tradicionalmente se considera na cidade o comezo oficial da tempada forte de verán para o sector turístico, que vai de mediados de xullo até finais de agosto. De feito, moitas das seleccións participantes chegarán un par de semanas antes e mesmo disputarán enfrontamentos amigábeis antes dos partidos oficiais. Na súa opinión, isto contribuirá a alongar este ano o período de máxima ocupación na urbe. Por outro lado, Domínguez salientou a proxección exterior que a cidade olívica pode conseguir grazas á organización desta competición.

Doutra banda, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, subliñou que durante unha semana "Vigo vai ser o referente de Portugal e epicentro do hóquei dende A Coruña ao sur de de Portugal". De xeito especial, Alonso prognosticou que haberá unha notábel afluencia de afeccionados portugueses para seguir o torneo será, dada "a paixón por este deporte" no país veciño. A información sobre o evento está xa dispoñíbel no espazo web MundialVigo2009, desde onde a organización espera ademais poder captar arredor de 160-200 voluntarios que axuden a "vender a nosa cidade".

Atención especial ás estrelas do futuro
Na presentación deste martes destacouse de xeito concreto o torneo de base que se organizou coincidindo co Mundial. Así, de xeito paralelo á competición profesional, equipos do Estado Español, portugueses, italianos e franceses, daranse cita para un campionato en categoría alevín (mixto), infantís e féminas. En total, arredor de 500 cativas e cativos que compartirán escenario cos grandes da especialidade. Tanto os representantes do Concello como os do comité executivo do Mundial, valoraron moi positivamente a idea de "unir o deporte de base" cos enfrontamentos da máxima categoría.

En galego
Malia que a Federación Internacional de Deportes sobre Patíns (International Roller Sports Federation), que ten como linguas oficiais o castelán e o inglés. Mais en Vigo vai haber unha outra lingua oficial: o galego.

Tal e como adiantou Vieiros hai xa un ano, segundo o protocolo asinado en 2008 pola Federación Española de Patinaxe, a Federación Galega, o Concello de Vigo e o de Pontevedra (representado polo tenente alcalde, Santiago Domínguez, e os concelleiros de Deportes de Vigo e Pontevedra, Xavier Alonso e Chano Esperón respectivamente) e a Federación Internacional: a terceira lingua oficial en Vigo 2009 vai ser o galego. Isto quere dicir que todas as comunicacións se van facer nas tres linguas.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: